O sector pesqueiro pide sinaturas para que a súa voz se escoite na UE
O sector pesqueiro pide sinaturas para que a súa voz se escoite na UE
Na Confederación Galega de Confrarías amósanse indignados ante o anuncio de que Greenpeace lanzará pedras nun caladoiro do Reino Unido
Greenpeace anuncia que vai volver lanzar pedras de gran tamaño, desta vez nunha área de pesca protexida do Reino Unido onde traballan uns 30 pesqueiros galegos. Lanzan as rochas para que enganchen nelas as redes de arrastre ou artes de fondo, din os activistas que para frear a pesca destrutiva.
O anuncio alporizou o sector en Galicia. Na Confederación Galega de Confrarías cren que se trata dun falso ecoloxismo e cren que poden acabar co seu modo de vida.
"Empezaron polo arrastre e agora xa van co palangre e os rascos, todo o que son artes de enmalle. E estannos dicindo que van botar pedras nas zonas de pesca dos barcos galegos. Ademais están roubando os aparellos aos barcos de pesca que están traballando legalmente", denuncia José Antonio Pérez Sieira, presidente da Confederación Galega de Confrarías
A xuízo dos responsables do sector en Galicia, a UE está a ser demasiado restritiva na súa normativa. Aseguran que empezaron poñendo como zona vedada os fondos mariños a partir de 400 metros, "e agora xa van en 100 metros e en 84 zonas".
Piden, por iso, o apoio da cidadanía a un documento en defensa do sector. E din que a pesca responsable significa soberanía alimentaria e menor pegada de carbono.