Publicador de contidos
Publicador de contidos

O 94.974, primeiro premio da lotaría do Neno, cae en nove concellos galegos

O 94.974, primeiro premio da lotaría do Neno, cae en nove concellos galegos

Deixou cartos nas Pontes, A Coruña, A Illa de Arousa, O Grove, Redondela, Vigo, Ourense, Xinzo de Limia e Viveiro

O segundo, o 89.634, foi parar integramente á localidade madrileña de Móstoles e o terceiro, o 57.033, está moi repartido

Dous irmáns de Ourense e Xinzo de Limia reparten décimos do primeiro premio e do terceiro

O bar Imperial, no barrio vigués de Teis, vendeu un décimo do primeiro premio
G24.gal 06/01/2024 08:53 Última actualización 06/01/2024 21:33

O primeiro premio do sorteo extraordinario da lotaría do Neno, o número 94.974, caeu en nove municipios das catro provincias galegas, concretamente nas Pontes, A Coruña, A Illa de Arousa, O Grove, Redondela, Vigo, Ourense, Xinzo de Limia e Viveiro.

Na provincia de Lugo, Viveiro recibiu a alegría dun décimo deste primeiro premio. Vendido no Bar Luar, na avenida Benito Galcerán, o décimo premiado foi despachado por máquina.

A administración das Pontes de García Rodríguez, situada na praza Hospital, venderon un décimo do 94.974 por terminal. O fillo da propietaria do establecemento, Adrián Vázquez, celebrou este belisco.

"Non está nada mal. Acabas o Nadal motivado despois de tantas horas de traballo", manifestou.

Tamén se vendeu un décimo agraciado con 200.000 euros na Coruña. A dona da administración, situada na rúa médico Rodríguez, manifestaba este sábado a súa alegría xa que, ademais, nunca dera "un premio tan grande".

"Si algún pequeno, pero nunca esa cantidade", declaraba Marisa, a propietaria, que aproveitou a ocasión para abrir unha botella de champaña.

Marisa, a loteira da Coruña que repartiu un décimo do primeiro premio

Irmáns unidos pola fortuna

En Ourense a sorte caeu en dous puntos da capital das Burgas, un deles na Administración número 4, que xa repartira o Gordo de Nadal. O seu propietario é irmán do xerente da administración de Xinzo de Limia, onde tamén caeu un terceiro deste sorteo.

A sorte colleu os irmáns celebrando o día dos Reis en Vigo, en familia. Teñen cadansúa administración de lotaría, unha en Ourense, bautizada xa como A Sorte, e outra en Xinzo de Limia. O de Ourense, Luís Carballeda, vendeu dous décimos do primeiro.

"Na lotaría do Nadal, a xente escolle o número, pero na do Neno dinche que escollas ti. Metémola nun sobre e, posiblemente, a quen lle tocou aínda non o sabe".

Herminio Carballeda, o de Xinzo, vendeu un terceiro. Tamén tiña o primeiro, pero ninguén o quixo.

"Botou dúas semanas no cristal, pero á xente non lle gustaba, porque era moi alto, ou porque era par...".

Pero a cousa non acaba aí. Hai só quince días que os gravamos tamén festexando. Foi no sorteo do Nadal. Tamén daquela venderon cadanseu décimo do Gordo e un quinto premio cada un.

"Sumando os primeiros, os quintos, o anterior ao primeiro... entre dous millóns e medio e tres millóns de euros", calculan os irmáns.

Premio no bar O Falangueiro

Pero eles non foron os únicos. No bar O Falangueiro do barrio ourensán do 21 venderon outro décimo primeiro premio. Foi por máquina, pero confían en que quedara no barrio.

"Contentos por saber que tocou aquí, simplemente. E agardar que lle tocara a alguén que viva aquí no barrio", asegura o vendedor, Benito López.

En total, o primeiro premio deixou en Ourense 600.000 euros.

Os dous irmáns que repartiron sorte en Ourense e Xinzo de Limia

Tamén volveu repartir sorte A Centola de Ouro, do Grove. Tras repartir miles de euros no Nadal, agora vendeu varios décimos do primeiro premio.

A contagotas, outro décimo deste premio tan repartido caeu no municipio de Redondela, nunha administración que xa repartira anteriormente primeiros e quintos premios do sorteo da Lotería do Nadal, pero esta é a primeira ocasión na que reparte un premio neste sorteo.

En Vigo, en Sanjurjo Badía 216, e na Illa de Arousa tamén sorriron coa fortuna este sábado de Reis.

Outros puntos da xeografía española

O premio, dotado con dous millóns de euros por serie (200.000 euros ao décimo), está moi repartido. De feito, viaxou por toda a xeografía española e tamén deixou cartos en Madrid, Euskadi, Castela e León, Comunidade Valenciana, Estremadura, Baleares, Andalucía, Murcia e as Canarias.

Segundo e terceiro

O segundo, o 89.634, foi parar integramente á localidade madrileña de Móstoles. Dotado con 750.000 euros por serie (75.000 euros ao décimo) foi vendido integramente na administración número 12 desta localidade, situada na rúa Simón Hernández, 48.

O terceiro, que recaeu no número 57.033, dotado con 250.000 euros por serie (25.000 euros ao décimo), tamén está moi repartido por todo o país. Tocou en Madrid, Valladolid, Alacant, Asturias, Badaxoz, Biscaia ou Zaragoza, entre outras cidades.

A Galicia tamén chegou un belisco deste premio. De feito, tocou en Santiago, A Coruña, Cangas, Xinzo, Bergondo, Barbadás, Ourense ou Lugo.

De todos eles, sen dúbida o máis especial foi o da administración lucense de Lamas de Prado, que sufriu un atraco o pasado xoves. Este sábado repartiu 250.000 euros tras vender dez décimos do terceiro premio. 

Dúas agraciadas co 89.634 en Móstoles amosan o décimo. EFE/Sergio Pérez
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade