O premio do Millón de Euromillóns caeu en Ourense
O premio do Millón de Euromillóns caeu en Ourense
O barrio de Mariñamansa de Ourense ten un novo millonario e pode non sabelo. Iso é o que sospeitan os vendedores da combinación gañadora este martes en España do sorteo El Millón de Euromillones. Dispensárono nunha cafetería á que hoxe moitos clientes se achegaban a ver se había sorte.
Son moitos os xogadores que se achegan ao bar que repartiu o millón por se fosen os gañadores.
De momento non se coñece o agraciado, pero, agás algún peregrino de paso, a maioría dos que veñen aquí buscando fortuna son veciños do barrio.
Rocío e Valentín, á fronte do negocio dende hai case dúas décadas, non paran de recibir parabéns e queren facer un chamamento á súa clientela para que miren ben se teñen a combinación gañadora de El Millón de Euromillones. Uns números e letras aleatorios que dispensa a máquina cos que moitos non quedan porque é á marxe das cifras do sorteo do Euromillóns.
Que o millón de euros non acabe no lixo sería o seu, malia que hai quen prefire non telo por non pagar o 20 por cento a Facenda, non se consola quen non quere.
Hai cinco anos, na cafetería En Xogo II xa repartiran case medio millóns de euros na Bonoloto, o que incrementou a súas vendas un 20 por cento. Este novo premio seguro que lles traerá máis sorte.