Publicador de contidos
Publicador de contidos

O SUP alerta dunha "explosión" de delitos relacionados co ocio nocturno

O SUP alerta dunha "explosión" de delitos relacionados co ocio nocturno

O Sindicato Unificado de Policía pide unha maior colaboración das familias para reducir a implicación de menores en liortas e delitos

Nunha entrevista na Radio Galega, o secretario xeral do SUP en Galicia, Roberto González, demanda máis medios e efectivos para facerlle fronte ao aumento da delincuencia, sobre todo a relacionada co tráfico e consumo de drogas

G24.gal 22/05/2023 09:37 Última actualización 22/05/2023 10:29

O Sindicato Unificado de Policía reclama que se aumente o número de efectivos en Galicia para facerlle fronte ao aumento de delitos relacionados co narcotráfico, a violencia machista e a ciberdelincuencia.

O secretario xeral do SUP en Galicia, Roberto González, detecta especialmente un aumento dos incidentes e delitos en festas, verbenas e actividades de ocio nocturno.

"Hai unha explosión de liortas e delitos relacionados co ocio nocturno, sobre todo vinculados ao tráfico e o consumo de drogas, que se está incrementando a nivel xeral no noso país e nas nosa comunidade dunha maneira máis especial".

Para Roberto González é preocupante a cada vez maior presenza de menores en situacións conflitivas e intervindo en pelexas e actuacións delitivas. Por iso, pide a colaboración da sociedade e especialmente das familias para controlar as saídas nocturnas dos menores de idade.

"Estamos observando como menores de idade, de moi curta idade, están implicados en liortas. Temos que abrir unha reflexión para ver se menores, nenos e nenas de 14, 15 ou 16 anos, é bo que estean a altas horas da madrugada en certos lugares que poden volverse perigosos polo consumo de drogas e alcol. Non son persoas que teñan unha madurez que lles permita enfrontarse  estas situacións".

O secretario xeral da SUP en Galicia pedía tamén que se reforce a lexislación para dotar a policía de ferramentas específicas para loitar con máis axilidade sobre todo contra os delitos relacionados co tráfico de drogas.

"Hoxe vemos moitos atrancos á hora de xudicializar un caso, de pedir autorización para levar a cabo as investigacións con axilidade. Ademais, as penas que se lles aplican aos investigados por tráfico de drogas son moi reducidas".

Roberto González sinalou, con todo, que Galicia é unha das comunidades máis seguras. 

"Temos unha comunidade segura, unhas cidades moi seguras, grazas ao labor das forzas e corpos de seguridade. Pero isto da seguridade é cousa de todos: dos lexisladores, dos cidadáns, dos colexios e do ámbito familiar, do que lles deamos aos nosos fillos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade