Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo libera a Xunta de pagar pola gratuidade das peaxes de Rande e A Barcala

O Supremo libera a Xunta de pagar pola gratuidade das peaxes de Rande e A Barcala

A sentenza é firme e contra ela xa non cabe recurso

G24.gal 17/03/2024 13:44 Última actualización 17/03/2024 14:43

A Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo rexeitou a inadmisión a trámite do recurso de casación presentado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que libera á Xunta de compensar a Audasa polas peaxes en sombra de Rande e A Barcala.

A resolución do Supremo do pasado 6 de marzo, que avanzou este domingo Faro de Vigo e á que tivo acceso Europa Press, é firme e contra ela xa non cabe recurso.

En xuño de 2022 o TSXG rexeitou a solicitude do Mitma para que a Xunta lle abonase a indemnización que o Goberno lle debe pagar a Audasa polas cantidades que deixou de percibir polas peaxes en sombra da Ponte de Rande e da Barcala durante os anos 2017, 2018 e 2019.

A Administración central baseou a súa solicitude nunha sentenza do Tribunal Supremo, que a condenou a pagarlle á concesionaria as cantidades acordadas no 2006 para que os tramos A Coruña-A Barcala e Rande-O Morrazo pasasen a ser gratuítos.

Nese ano o pago foi asumido polo Estado, é dicir, pasaron a ser peaxes en sombra. A gratuidade dos tramos provocou un notable incremento do número de usuarios, polo que no 2017 o Goberno modificou, a través dun real decreto, o sistema de cálculo da peaxe que lle correspondía pagar a Audasa.

Con todo, en 2020 o Tribunal Supremo declarou o dereito da concesionaria a ser indemnizada polos prexuízos causados pola implantación do novo sistema de retribución dese real decreto e ordenoulle ao Estado a pagar a diferenza.

"Non é procedente"

Son 15,6 millóns de euros, que o Executivo lle reclamaba á Xunta. Con todo, o TSXG rexeitou esa petición, subliñando que "non é procedente".

A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo recalca que o Estado reclama ese diñeiro cando "aínda non lle pagou a Audasa", tal e como ordenou o Supremo.

"A Administración Xeral do Estado xustifica o seu incumprimento en que parte das cantidades reclamadas eran debidas pola Xunta, causa obstativa de pago que foi rexeitada polo Tribunal Supremo nun auto do 14 de outubro de 2021", recolle a sentenza do TSXG.

Ao tempo, o tribunal galego indicou que, "en ningún caso", podería atenderse á cantidade reclamada polo Estado, lembrando que a cifra que lle teña que aboar a Audasa é "a que determine o Tribunal Supremo en execución da sentenza, sen proceder que a Xunta aboe intereses das cantidades debidas, ao non ter responsabilidade na demora".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade