O Supremo revisará en menos dun mes recursos de condenados por abusos sexuais
Unha contrarreforma do Goberno non impedirá que se beneficien os autores dos delitos xa cometidos

O Tribunal Supremo prevé abordar en menos dun mes algún dos recursos presentados por condenados por delitos sexuais contra as súas sentenzas, nos que piden adecuar os seus castigos ás penas contempladas na Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual, coñecida como "lei do só si é si".
Será a primeira vez que o alto tribunal entre a estudar unha reforma penal que supuxo que o delito de abuso sexual practicamente desapareza para incluírse no de agresión sexual cunha pinza de penas onde a menor é máis baixa que a existente cando había dous ilícitos diferenciados.
Á marxe dos recursos de casación contra sentenzas ditadas por delitos sexuais, as fontes explican que o máis probable é que ao alto tribunal cheguen tamén recursos contra as revisións de pena das condenas xa firmes que fagan tribunais inferiores.
Nestes recursos contra as revisións de pena será determinante a posición que adopte Fiscalía. O Ministerio Público xa está a estudar os casos revisados para determinar se é necesario ditar unha circular para unificar criterio.
Aqueles casos onde a sentenza dixese expresamente que se debe impoñer o condenado a pena inferior non hai máis remedio que facer un axuste automático á nova pena inferior, que é menor.
Aínda que o Goberno levase a cabo unha modificación do actual texto legal, iso non impediría que os delitos xa cometidos se beneficien da rebaixa de pena. E iso porque o Código penal establece no seu artigo 2.2 que "terán efecto retroactivo aquelas leis penais que favorezan o reo, aínda que ao entrar en vigor xa houbera sentenza firme e o suxeito estea cumprindo condena".
A "lei do si é si" aplicarase, polo tanto, tanto aos casos abertos como aos que xa teñen sentenza firme.