Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo rexeita os recursos de Xunta, Alsa e Monbus e fai firme a sentenza sobre repartición do mercado

O Supremo rexeita os recursos de Xunta, Alsa e Monbus e fai firme a sentenza sobre repartición do mercado

Monbus di que "esgotará todas as vías" e anuncia recurso de amparo ante o Constitucional

A Xunta di que respecta a decisión do Alto Tribunal e tramitará as sancións

O BNG pide explicacións á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

G24.gal 20/10/2023 16:18

O Tribunal Supremo rexeita os recursos de Monbus, Alsa e a Xunta á condena polo repartimento de liñas. Fai firme a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que ditaminou que as dúas empresas se repartiran o mercado.

O fallo do Supremo, que adiantou o diario dixital Praza, é de data do pasado día 4 de outubro e asínao a sala do contencioso-administrativo. Contra esta decisión, ademais, non cabe recurso algún. Na súa sentenza, o TSXG ordenaba ao órgano galego de Competencia a incoar un procedemento sancionador contra estas dúas empresas de transporte de viaxeiros por estrada.

Por unha banda, a Xunta denunciaba infracción dun artigo legal por suposta falta de lexitimación activa da recorrente na instancia, pero os maxistrados do Supremo consideran que "a cuestión exposta carece de interese casacional obxectivo, pois é abundante a xurisprudencia sobre a lexitimación do denunciante e o interese lexítimo, evidenciándose unha mera discrepancia coa apreciación das circunstancias concorrentes realizada pola sala de instancia".

En canto aos escritos de Alsa e Monbus, o tribunal sinala que se acordou o arquivo do expediente sen comprobar os feitos denunciados, "existindo indicios racionais de infracción". Por iso, di, "a hipotética consideración de que non fosen conformes a dereito os argumentos e razoamentos da sentenza recorrida neste particular aspecto non se traduciría no éxito da pretensión estimatoria en casación".

O BNG pide explicacións a Ethel Vázquez

Pola súa banda, o BNG pide a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, após coñecer a sentenza firme, e acusa á Xunta de "conivencia" e "trato de favor".

O deputado nacionalista Paulo Ríos esixe "explicacións" á conselleira e denuncia a "repartición ilegal" do mercado do transporte público.

Monbus anuncia que "esgotará todas as vías"

Mentres, fontes de Monbus consultadas por Europa Press móstranse "profundamente sorprendidos" pola decisión do Tribunal Supremo. "Aínda que é certo que a admisión de recursos nesta instancia é inferior ao 13 %, confiabamos en que o máximo tribunal entrase a valorar o fondo da cuestión, algo que, desafortunadamente, non considerou oportuno facer neste caso", sinalan estas fontes.

Monbus, "na súa firme defensa da súa inocencia e considerando inxusta a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia", anuncia que "esgotará todas as vías legalmente establecidas e interporá nos próximos días un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional".  

A compañía rexeita "tallantemente" que incorrese en "práctica anticompetitiva algunha". "A adxudicación dos contratos nos concursos baséase integramente na oferta técnica e económica, sempre suxeita á regulación pola que se rexen as adxudicacións", destaca.

Por iso, incide en que tanto Monbus como Alsa "xustificaron amplamente" ante as autoridades de competencia correspondentes as razóns polas que concorreron xuntas a algúns lotes do contrato de transporte de Galicia, "o que continuarán defendendo e acreditando ante as autoridades pertinentes no momento oportuno".

A Xunta di que Competencia incoará o procedemento sancionador

A Xunta expresou, a través dun comunicado, o seu "respecto" logo da resolución do Tribunal Supremo.  Neste sentido, a Xunta manifesta que igual que "no seu momento" respectou a resolución deste mesmo órgano administrativo colexiado que, agora, ten a obrigación de executar a sentenza coa incoación do correspondente procedemento sancionador.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos