O temporal deixa ducias de estragos, con vento por enriba dos 150 km/h
A liña de tren entre Ferrol e A Coruña está cortada pola caída dunha árbore e tampouco se pode circular pola A-6 en Becerreá por un desprendemento
O 112 atendeu nas últimas horas 169 avisos de incidencias
O refacho máis forte de vento rexistrouse en Estaca de Bares
O paso de Aline: as primeiras neves en Granada e o día máis chuvioso do século en Madrid
A desde venres está a ser unha xornada complicada a causa do temporal, especialmente de vento, que afecta a practica totalidade do país e que está multiplicando as incidencias.
A última delas é a interrupción da tren A Coruña-Ferrol entre Betanzos-Infesta e Oza dos Ríos pola caída dunha árbore sobre a vía. Persoal de Adif traballan para restablecer o servizo de circulación o máis pronto posible.
Renfe anunciou a última hora da mañá que o transporte dos pasaxeiros vaise facer por estrada ata que se poida restablecer a normalidade na catenaria. Ademais queda suspendida ata novo aviso a liña de ancho métrico, Ferrol-Ribadeo pola proximidade á costa, moi afectada polo temporal.
Mentres tanto segue cortada a Autovía do Noroeste (A-6) á altura de Becerreá, polo desprendemento de terra e rochas rexistrado na tarde deste xoves. Os operarios de mantemento traballan nas tarefas de limpeza.
Desde a tarde deste xoves ata a mañá deste venres, o 112 Galicia rexistrou 169 incidencias, a maioría (104 casos) por caídas de árbores e ramas en estradas, seguidas por outros obstáculos nas vías, danos en postes de iluminación ou material eléctrico e outras actuacións en estradas asolagadas ou retirada de vexetación para previr riscos.
Segundo o balance do 112, os concellos de Vigo, Santiago e A Coruña foron os máis afectados polo temporal, con 33, 27 e 21 incidencias rexistradas, respectivamente.
Como imaxe curiosa, a que se produciu no Baixo Miño, en Baiona ou na Guarda, onde a revoltura provocada polas ondas encheu de escuma lugares como a praia Cuncheira, e ata un parque de xogos, ou instalacións portuarias.
Meteogalicia prognostica para este venres unha situación moi complicada no mar por vento forza 8 e intervalos de forza 9 entre Fisterra e Estaca de Bares. Nas montañas de Lugo e Ourense, a predición reflicte refachos superiores ao 80 km/h.

O temporal deixou esta madrugada refachos de vento que rozaron os 160 quilómetros por hora en Estaca de Bares. En concreto a medición chegou ata os 156 km/h nese punto, e moi próximo aos 140 km/h no Xistral, no concello de Muras, e na mesma cidade da Coruña chegouse ata os 99 km/h.
Aline deixou pegada no transporte, pero tamén provocou numerosas incidencias na cidade da Coruña, onde ata varios semáforos do paseo marítimo cederon pola forza do vento.
"Caeron semáforos, pólas, tendedeiros, e tamén houbo fiestras con perigo de caída. A zona máis afectada foi o paseo marítimo e despois houbo as típicas incidencias de vento con caída de contedores e sinais", explica Carlos Touriñán, director de Seguridade Cidadá da Coruña.
Afortunadamente, ningunha das incidencias deixa danos físicos e a situación é tranquila agora en terra, ao mar mellor non achegarse demasiado.
Moito vento e choiva na costa de Lugo
O temporal deixouse sentir de cheo na Mariña lucense, especialmente de madrugada, espertando coa forza da auga e do vento moitos veciños.
O vento soprou con moita intensidade e deixou refachos de 134,4 quilómetros por hora en Viveiro, no Penedo do Galo, e de 127 quilómetros por hora no municipio de Burela.
Tamén choveu intensamente na provincia e no municipio de Baleira, concretamente na Fontaneira, chegaron a acumularse algo máis de 42 litros por metro cadrado.
A situación mellorou contra o mediodía permitíndolles aos veciños volver pasear preto do mar.
A peor parte do temporal foi no mar, con ondas de ata 10 metros de altura. Os mariñeiros regresaban onte a porto e hoxe os barcos de Viveiro quedaban amarrados.
Situación semellante viviuse no porto de Burela, onde os barcos tamén quedaron amarrados a porto.
Incidentes con caídas de árbores e postes no sur do país
O vento castigou a bisbarra de Vigo con caída de árbores como ocorreu na rúa Traída de Augas en Teis ou postes telefónicos, como sucedeu en Coia. O vento non respectou nin o Corredor do Morrazo, onde caía unha árbore en Domaio sentido Cangas, ás seis da mañá.
Á falta de algo grave, por toda zona repartíronse as incidencias. A forza do mar e do vento tamén se percibíu no centro de Vigo onde caeu mobiliario das terrazas e a zona central do paseo das avenidas que segue precintada.
O temporal chega tamén o interior de Galicia
O temporal trouxo chuvias tamén á provincia de Ourense. Por momentos, e especialmente durante a tarde, caeu a auga con moita intensidade. Foi en Amiudal, no concello de Avión, onde máis choveu na provincia de Ourense nas últimas horas. Caeron alí onte 115 litros por metro cadrado, foi o terceiro lugar de Galicia onde máis choveu.
Unha auga que, din os veciños, lonxe de traer complicacións, facía moita falta. Salvo incidencias puntuais e algunhas bategadas, a auga caeu con xeito na provincia de Ourense.
Non houbo enchentes, pero os ríos van tamén mudando a cara. A chuvia seguirá presente en Ourense nas vindeiras horas; de feito, nos próximos días; así que cómpre ter á man os paraugas.