Jana porá en alerta unha decena de comunidades esta fin de semana
Murcia pedirá a declaración de zona catastrófica para as áreas afectadas polo temporal
Na localidade de Lorca, a auga provocou danos na parte vella e nos accesos á cidade polo norte
A metade occidental da comunidade de Murcia é a máis afectada polas intensas precipitacións das últimas 48 horas. Na localidade de Lorca, a auga provocou danos na parte vella e nos accesos á cidade polo norte. Tamén son visibles os estragos deixados pola chuvia en Cehegín ou Caravaca de la Cruz.
Este mediodía varias estradas aínda permanecían cortadas ao tráfico por asolagamentos ou desprendementos. O Goberno murciano xa anunciou que unha vez teña cuantificados os danos solicitará ao Estado a declaración de zona catastrófica para as zonas afectadas.
"Xa transmitiron os concellos de Cehegín e Lorca que queren declarar zona catastrófica e por suposto que imos apoialos desde o goberno da Rexión de Murcia. Imos axudalos tamén nesa avaliación dos danos".
Na localidade albaceteña de Letur, unha das máis afectadas pola Dina de outubro, a crecida do arroio local deixou momentos de tensión durante esta noite.
"Esta noite durmimos pouco. O medo. Os que vivimos na parte antiga o medo foi moi grande".
A partir desta tarde a entrada dunha nova borrasca, bautizada Jana, porá en alerta unha decena de comunidades. O nivel será laranxa no norte de Cáceres e o sur de Ávila, onde se agardan precipitacións acumuladas de 80 litros por metro cadrado en 12 horas.