O temporal destrúe un veleiro encallado en Xove
O temporal destrúe un veleiro encallado en Xove
Os restos da embarcación están esparexidos polo areal de Lago
O seu único tripulante é un home que vaga agora pola zona
A marea baixa deixa ao descuberto nesta praia de Lago, en Xove, os mil anacos do que era un pequeno veleiro. A embarcación levaba un tempo fondeada na zona ata que os últimos temporais a fixeron encallar.
"Onde estaba en Foz non tiña perigo, é ría e non tiña perigo ningún. Veuse para aquí e xa é mar aberto, colleuno o temporal e pasou o que pasou".
Trátase dun caso singular. O veleiro xa pasara o verán fondeado na ría de Foz, chamando a atención dos veciños da zona.
"Este verán estivo na ría de Foz dous ou tres meses. Eu ao rapaz non o vin nunca. Estaba alí e era moi raro ver tanto tempo o barco parado. Agora xa non queda nada da embarcación, é unha historia curiosa".
Pola zona vaga agora o seu único tripulante, un home de pouco máis de trinta anos e que fala francés.
"Eu non lle poño cara e non o coñezo, dixeron que era de fóra pero nada máis".
Hai quen o viu facendo fogueiras entre as dunas do areal e din que se refuxia nunha casa abandonada e vaise facendo con algún que outro alimento nas hortas veciñais.