O temporal Nelson deixou en Galicia máis de 160 incidencias e refachos de ata 154 km a hora
O temporal Nelson deixou en Galicia máis de 160 incidencias e refachos de ata 154 km a hora
Este xoves todo o litoral galego vai permanecer en aviso laranxa con fortes refachos de vento e ondas de entre cinco e sete metros
O temporal deixou este mércores máis de 160 incidencias rexistradas en Galicia polo 112 entre as 09:00 horas e as 18:00, a maior parte delas relacionadas co vento.
As provincias máis afectadas foron as de Pontevedra e A Coruña.
A maioría dos incidentes, un total de 60, tiveron relación coa caída de árbores e ramas na calzada.
O vento superou en varios puntos os 120 quilómetros por hora. O refacho máis forte rexistrouse en Cedeira, 154 quilómetros por hora.
As ondas alcanzaron os seis metros de altura. Varios buques buscaron abrigo nas illas Cíes. A situación obrigou a cancelar as viaxes programadas ás Cíes e Ons ata o venres e o transporte marítimo na ría de Vigo varía as frecuencias pendentes do estado do mar.
Este xoves todo o litoral galego vai permanecer en aviso laranxa con fortes refachos de vento e ondas de entre cinco e sete metros.
Tamén os mariñeiros tiveron que quedar en terra. A frota estivo amarrada toda a xornada.
En Cangas tiveron que rescatar un mariñeiro que saíu pescar malia a alerta laranxa. Sacárono san e salvo, pero con síntomas de hipotermia.
Quedou nun susto, coma o que deberon levar os pasaxeiros dun avión que pelexou para aterrar en Santiago.
Moitos dos turistas que este mércores se achegaron ás Burgas ían buscando augas medicinais. Non contaban tanto coas outras, as caídas do ceo. A borrasca Nelson meteuse polo medio de máis dun plan de viaxe.
“Deixamos de facer algunha visita que tiñamos prevista e hai algunha que nos gustou menos pola chuvia. Pero non foi tan molesto tampouco”.
Para estas ocasións, nada como un guía local que saiba facer da necesidade virtude.
"Fomos onte ás Termas, que é un planazo para cando fai este tempo".
A combinación de chuvia, vento e preamar obrigou a cortar durante parte da tarde un dos sentidos da autovía de Marín, entre o nó de celulosas e Os Praceres, ante o risco de anegamento.
A chuvia derramouse con ganas por toda a comunidade, pero máis na Baixa Limia. En Entrimo, por exemplo, caeron en 12 horas 47 litros por metro cadrado. Non andaron moi lonxe os rexistros en Avión, con case 44, ou os 41 recollidos na estación porriñesa de Atios.
"Pois foi malo, porque fun a ximnasia e molleime a tope, por aí por Pío XII, manda narices!", comentaba unha veciña.
Entre locais e visitantes, as opinións diverxen. A seca doutros lugares altera as apreciacións.
"Peor o aire que a chuvia, a chuvia atúrase ben".
“Non estamos afeitos, pero viñemos preparados porque sabiamos o que podía pasar”.
"Que chova onde cómpre, que aquí xa nos vai chegando a chuvia".
Non en balde, a borrasca Nelson é a décimo cuarta da tempada.
A neve cubriu boa parte da montaña lucense e ourensá.
O Cebreiro chegou a menos 1,6 graos de noite e algúns aproveitaron a acumulación de neve para gozala cos máis pequenos da casa.
O veciño concello de Cervantes rozou os 2 graos negativos mentres que o concello ourensán da Veiga rexistrou a mínima de Galicia con menos 4 graos.
Manzaneda e Carballeda de Valdeorras pasaron dos menos tres.
A neve fai que a estación de montaña de Manzaneda encare a Semana Santa cun 80 % de ocupación.