O temporal de chuvia provoca inundacións en Tarragona, Valencia e Zaragoza
O temporal de chuvia provoca inundacións en Tarragona, Valencia e Zaragoza
Cinco comunidades seguirán en alerta este domingo
En Salou houbo que cortar ao tráfico a estrada N-634
A inestabilidade mantivo en alerta por chuvia e tormentas doce comunidades autónomas. A peor parte levouna Tarragona. As inundacións provocaron cortes de estradas e a evacuación dun edificio polo perigo de desprendementos. Mañá domingo mellora algo o tempo pero cinco comunidades do leste da península seguirán en alerta.
O temporal de chuvia que afecta parte de Cataluña provocou inundacións importantes en varios municipios de Tarragona como Vila Seca ou Salou. O alcalde deste ultimo concello admite que caeu moita auga en pouco tempo pero cre que a situación non foi tan lamentable coma noutras ocasións.
A auga arrastrou mobiliario urbano, árbores e ramas e houbo que pechar ao tráfico a estrada N-340 á altura de L'Ametlla de Mar. Neste concello os bombeiros evacuaron 18 persoas dun edificio como medida preventiva. Protección civil da Generalitat mantén activado o plan Inuncat ante a previsión de que continúe chovendo.
Comunidade Valenciana
Como Tarragona, a comunidade valenciana estivo en aviso laranxa e amarelo por chuvias. Nalgúns puntos rexistráronse máis de 60 litros por metro cadrado. O concello pechou parques e xardíns con valado e suspendeu as actividades ao aire libre.
Os bombeiros atenderon numerosas chamadas por filtracións de auga nos edificios e pola caída de árbores.
Incidencias en Zaragoza
En Zaragoza rexistráronse 40 litros por metro cadrado entre as nove da mañá e a unha da tarde deste sábado. A tromba de auga ocasionou numerosas incidencias tanto nas estradas de acceso e saída da capital aragonesa coma no centro da cidade.