Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Tribunal Constitucional avala integramente a Lei da eutanasia

O Tribunal Constitucional avala integramente a Lei da eutanasia

O recurso contra a norma presentado por Vox foi rexeitado por nove votos contra dous

A eutanasia aplicouse 180 veces en España no primeiro ano da lei

G24.gal 22/03/2023 13:58 Última actualización 22/03/2023 14:26

O Pleno do Tribunal Constitucional (TC) avalou integramente a Lei da eutanasia. Fontes xurídicas informaron de que a corte de garantías rexeitou por maioría o recurso de Vox con nove votos a favor e dous en contra dos maxistrados conservadores Enrique Arnaldo e Concepción Espejel.

A eutanasia, regulada por unha norma que o pasado sábado fixo dous anos, poden solicitala as persoas que sufran "unha enfermidade grave e incurable" ou un "padecemento grave, crónico e imposibilitante" que afecte a autonomía e que xere un "sufrimento físico ou psíquico constante e intolerable". 

A entrada en vigor da lei producíase en xuño de 2021, e España convertíase así no sétimo país do mundo en recoñecer o dereito a solicitar e recibir axuda para morrer.

O paciente pode recibir a eutanasia unhas cinco semanas despois de solicitala, tras ser informado das distintas alternativas e dos coidados paliativos dispoñibles e despois de confirmar a súa vontade de morrer polo menos en catro ocasións ao longo de todo o proceso. Ademais, o paciente pode desistir en calquera momento.

Unha comisión de garantía e avaliación, composta por persoal médico, de enfermería e xuristas, supervisa cada caso e é responsable en última instancia de autorizalo. Os profesionais sanitarios poden acollerse á obxección de conciencia.

O resultado da votación no TC implica unha ruptura dos denominados bloques progresista (agora maioritario, con sete maxistrados) e conservador (catro).  

Os maxistrados iniciaron o debate sobre a lei da eutanasia no pleno anterior, celebrado o pasado 9 de marzo, aínda que foi un primeiro contacto moi breve sendo xa esta semana cando analizaron a fondo o recurso de Vox e a sentenza proposta polo relator, Ramón Sáez.

A lei fora aprobada no Congreso dos Deputados cos votos en contra de PP e Vox. Os dous partidos recorreron a norma ante o Constitucional, aínda que o recurso de Vox era practicamente unha emenda á totalidade da lei porque se dirixía contra numerosos artigos, mentres que a impugnación do PP é máis limitada, polo que rexeitar o primeiro supón 'de facto' desestimar tamén o segundo.

Vox impugnara a norma por infrinxir o dereito á vida ao manifestar que se trata dun dereito fundamental que o Estado debe protexer como o é tamén o seu deber de ofrecer coidados paliativos aos que sofren.

O PP fixo o mesmo ao considerar que a lei vulnera o dereito á vida e que xera indefensión xurídica porque non dispón dun réxime xurídico que garante que a decisión foi tomada libremente e con plena comprensión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade