Publicador de contidos
Publicador de contidos

O tribunal de contas da UE alerta das deficiencias dos sistema de información dos fondos europeos en España, por Santiago Calvo

O tribunal de contas da UE alerta das deficiencias dos sistema de información dos fondos europeos en España, por Santiago Calvo

Santiago Calvo 11/10/2024 09:29

O Tribunal de Contas da Unión Europea presentou de maneira recente o seu informe anual sobre a execución dos orzamentos da Unión Europea. O que máis destaca é a insuficiencia nos sistemas de control dos Estados membros, incluída España.

No referente ao caso español, di esta institución comunitaria, non conta con información completa sobre o progreso dos fitos, obxectivos incumpridos, fontes de financiamento dos proxectos da Unión Europea ou os importes pagados. Noutras palabras, é moi difícil poder facer un seguimento dos cartos.

De feito, o desenvolvemento do Sistema Integrado de Información do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia era un dos requisitos do primeiro desembolso que fixo a Unión Europea a comezos do ano 2022.

Pódese dicir que España acada un aprobado raspado, xa que non é dos países que saen peor parados, pero segue a presentar os mesmos problemas que xa se sinalaron no informe do ano anterior. Este sistema é moi importante para dotar de transparencia o sistema, xa que, por exemplo, poderían recompilarse datos sobre beneficiarios ou contratistas.

Outra das cuestións que se sinala é a vaguidade dos fitos que se marcaron para desbloquear os fondos europeos. Un exemplo é un dos obxectivos marcados para incentivar a instalación de puntos de recarga de automóbiles eléctricos nos aparcamentos fóra de vivendas. Dado que non se especifica nin o número exacto de puntos de recarga nin a porcentaxe mínima coa que debe contar cada aparcamento, a avaliación do seu cumprimento é discrecional.

Este informe publícase xusto cando está enriba da mesa a posibilidade de solicitar o quinto desembolso de 7.000 millóns de euros. Un dos fitos marcados para esta fase é a aprobación dunha reforma fiscal baseada nas recomendacións recollidas no Libro Branco sobre a Reforma Tributaria que presentaron os expertos no ano 2022. O Goberno pretende dar por bo que, coa axuda da inflación e dos impostos a enerxéticas e bancos, é suficiente como para xustificar o cumprimento desta medida.

En todo caso, son cando menos unha decena de leis que se deben aprobar no Congreso para desbloquear os próximos tramos das axudas europeas. A aritmética parlamentaria complica a consecución dos compromisos, aínda que o exemplo da reforma do subsidio por desemprego fai intuír que Europa é moi flexible cando se trata de dar por bos os plans de reforma presentados polos Estados membros. Xusto, o que critica o Tribunal de Contas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade