Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Tribunal Laboral de Israel ordena poñer fin á folga xeral ao considerala "política"

O Tribunal Laboral de Israel ordena poñer fin á folga xeral ao considerala "política"

En todo o país hai protestas a favor dun acordo de tregua, con centos de israelís cortando estradas

G24.gal 02/09/2024 16:41

O tribunal laboral de Israel ordenou este luns poñer fin á folga xeral convocada pola central sindical Histadrut, que busca meter presión ao Goberno para un acordo de reféns, e dá a razón ao Fiscal do Estado de que se trata dun paro político e non causado por un "conflito laboral colectivo".

O xulgado de Tel Aviv ordenou poñer fin ao paro, tras media xornada dunha folga nacional simbólica, á que se sumaron bancos, algunhas universidades e algúns servizos de correos e transporte, entre outros sectores.

"É importante salientar que a folga de solidariedade foi unha medida importante e apóioa", dixo o presidente do que é o maior sindicato do país, Arnon Bar-David, segundo declaracións á canle de noticias 12.

A fin da folga, antes do fallo do tribunal, estaba previsto ás 6 da tarde. "Vivimos nun Estado de Dereito e respectamos a decisión do tribunal. Por iso, instrúo a todos a volver ao traballo ás 14:30 horas", aclarou Bar-David.

Histadrut representa uns 800.000 traballadores en Israel, aínda que o seguimento da folga foi limitado e as rúas de cidades como Xerusalén mostraban bastante normalidade, con só algúns comercios e bancos pechados, ademais de empresas tecnolóxicas.

A par da folga, están a darse en todo o país protestas a favor dun acordo de tregua, con centos de israelís cortando estradas en Tel Aviv e Herzliya, entre outras urbes. O domingo á noite, máis de 300.000 israelís protestaron contra o Goberno de Netanyahu en Tel Aviv, sendo reprimidos con camións de auga fétida e policías dacabalo.

A Histadrut convocou a folga xeral para meterlle presión ao Goberno a favor dun acordo de reféns, despois de que o Exército recuperase do sur de Gaza os corpos de seis reféns, segundo o Exército, asasinados por Hamas pouco antes de que os soldados os atopasen.

"O tribunal aceptou a nosa posición e determinou que a folga da Histadrut era política e ilegal", celebrou en X o ministro de Finanzas, o ultradereitista Bezalel Smotrich, quen este domingo se refería a calquera cesamento do fogo con Hamas como a un "acordo de rendición".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade