O TSXG autoriza prorrogar ata o 12 de marzo o uso de certificado COVID en hospitais e residencias
O TSXG autoriza prorrogar ata o 12 de marzo o uso de certificado COVID en hospitais e residencias
O auto lembra que as persoas non vacinadas teñen alternativas para acceder a estes centros
Destacan que o pasaporte COVID é para protexer as persoas especialmente vulnerables
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autoriza á Xunta de Galicia a prorrogar ata o vindeiro 12 de marzo a obriga de presentar o certificado de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa contra a covid–19 para visitar os doentes ingresados en hospitais e sociosanitarios, residencias de maiores e de persoas con diversidade funcional.
A sala indica no auto, que foi notificado este venres e enviado aos medios, que os datos do estudo técnico facilitado pola Consellería de Sanidade demostran que "o virus segue tendo unha elevada circulación".
A situación epidemiolóxica da comunidade, segundo os maxistrados, implica "un risco evidente de contaxio", polo cal consideran necesario manter esta medida preventiva.
Os maxistrados do TSXG, como tamén fixeron na orde do 11 de febreiro, destacan que a presentación do pasaporte covid-19 ten como obxectivo, neste caso, protexer as persoas especialmente vulnerables. "A tendencia decrecente da incidencia do virus desde o 19 de febreiro non pode ser enganosa", advirten, e subliñan que a 19 de febreiro a taxa de incidencia a 14 días se situaba en 1.347 casos por cada 100.000 habitantes.
No auto, os maxistrados explican tamén que as persoas non vacinadas teñen alternativas para acceder a estes centros, "cun alto risco de transmisión". Lembran que teñen a posibilidade de presentar un certificado de proba diagnóstica negativa ou de ter padecida a enfermidade e mesmo os centros hospitalarios ofrecen a posibilidade de someterse voluntariamente a unha proba diagnóstica.