Publicador de contidos
Publicador de contidos

O TSXG finalmente avala a adxudicación do transporte escolar en Galicia

O TSXG finalmente avala a adxudicación do transporte escolar en Galicia

Decreta que a Xunta "non superou" o número máximo de lotes que a lei lle permite adxudicar ao Grupo Monbus

O alto tribunal desestimou o recurso presentado por nove empresas de transporte

G24.gal 03/04/2024 19:28

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avalou finalmente o proceso de adxudicación de transporte escolar levado a cabo pola Xunta e decretou nunha sentenza que "non superou" o número máximo de lotes de transporte escolar que a lei lle permite adxudicar ao Grupo Monbus.

A sección terceira da sala do contencioso-administrativo do TSXG apoiou así a adxudicación a unha Unión Temporal de Empresas (UTE) por parte da Xunta, do lote 50 do contrato de transporte escolar para centros públicos dependentes da Consellería de Educación, a pesar de que a porcentaxe de participación das empresas de Monbus na UTE é do 63 %.

O alto tribunal desestimou o recurso presentado por nove empresas de transporte contra a adxudicación do devandito lote, que forma parte dos 57 licitados pola Xunta para a construción de rutas de transporte escolar a 424 centros de ensino público.

Nun comunicado, conclúe que o Grupo Monbús non superou o límite imposto na Lei de contratos do sector público (LCSP) e nunha das cláusulas dos pregos, que limitan a oito o número de lotes que se poden adxudicar a un mesmo ofertante.

A pesar de que nas resolucións anteriores o TSXG si entendeu que Monbus superara esa cifra, na sentenza os maxistrados explican que, tras analizar as probas dispoñibles, "os lotes adxudicados a UTE compostos maioritariamente polo Grupo Monbus, é dicir, nos que participa en máis do 50 %, só foron seis polo que non se superou o límite de oito".

Segundo afirman na sentenza, o artigo 8.2 do Prego de Cláusulas Administrativas Particulares establece que non poden computarse para a suma total, os lotes nos que as UTE participadas polo Grupo Monbus fosen as únicas que optaron a concurso.

É o caso dos lotes número 6, 13, 14, 24 e 2. Por tanto, entende o Alto Tribunal que "eses cinco lotes non se poden sumar aos seis nos que o Grupo Monbús participa en máis do 50 %", nin ao lote adxudicado número 4, no que "non ten participación".

Desde a Xunta consideran "moi positivo" que o TSXG declare nesta sentenza que o proceso de contratación do servizo de transporte escolar "axústase a dereito" e insisten en que se fixo "co máximo rigor e transparencia e de acordo coa normativa vixente".

Ademais, anunciaron que presentarán recurso de apelación contra a sentenza emitida polo Alto Tribunal en relación ao lote 46. Á súa vez que esperan a resolución dos recursos de apelación presentados contra as sentenzas correspondentes aos lotes 40, 45, 51, 54, 55 e 57.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar