Publicador de contidos
Publicador de contidos

O uso de linguas cooficiais no Congreso podería ser efectivo na investidura de Feijóo

O uso de linguas cooficiais no Congreso podería ser efectivo na investidura de Feijóo

O líder do PP rexeita o uso das linguas cooficiais na Cámara Baixa: "Non concibo un Congreso con pinganillos"

G24.gal 06/09/2023 14:00 Última actualización 06/09/2023 19:14

O PSOE xunto a Sumar, ERC, Bildu, PNV e BNG rexistraron xa este mércores no Congreso a reforma para o uso de linguas cooficiais na Cámara Baixa coa intención de permitir esta posibilidade no pleno de investidura do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, os días 26 e 27 de setembro.

Esta proposición de reforma do regulamento do Congreso, á que non se sumou Junts, establece o dereito dos deputados e deputadas a usar calquera das linguas oficiais en todos os ámbitos da actividade parlamentaria, incluídas as intervencións orais e a presentación de escritos, informaron fontes parlamentarias.

Os grupos asinantes solicitaron a tramitación directa e con lectura única da proposta de reforma. O plan é que a proposición de lei sexa admitida pola Mesa do Congreso na súa reunión do próximo martes e se tramite por ese procedemento de urxencia, o que supón acurtar os prazos parlamentarios á metade.  

Coa súa maioría absoluta na Mesa do Congreso, o PSOE e Sumar levarían ese texto ao Pleno na semana do 19 ao 21 de setembro para aprobalo en lectura única, é dicir, sen pasar pola Comisión de Regulamento, que aínda non esta constituída. Xustifícanse equiparando este texto coas reformas regulamentarias que, ao comezo de cada lexislatura, só cambian a denominación das comisións parlamentarias.

Nunha conferencia de prensa este mércores en Santiago, o deputado do BNG, Néstor Rego, destacou esta iniciativa no Congreso e recoñeceu que se trata dun asunto que ve máis "complicado" no Senado pola maioría do PP e a oposición dos populares a "unha medida que, sendo simbólica, é relevante para o proceso de normalización do galego".

Para as intervencións orais, a intención é que o Congreso dispoña desde a sesión de investidura de Feijóo de servizos de tradución e interpretación en catalán, galego e éuscaro.

Ademais, a reforma prevé un prazo máximo de seis meses para dispoñer dos medios necesarios para tramitar os escritos presentados nalgunha lingua oficial distinta ao castelán. Mentres tanto, os deputados que presenten os seus escritos en catalán, galego ou éuscaro deberán incluír a tradución.

Por outra banda, no Diario de Sesións do Congreso reproduciranse integramente todas as intervencións e acordos adoptados nos plenos, na Deputación Permanente e nas comisións, tanto na lingua na que se pronunciaron como en castelán.

Feijóo rexeita o uso das linguas cooficiais no Congreso

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, mostrou o seu rexeitamento ao emprego das linguas cooficiais no Congreso porque non concibe unha Cámara Baixa "con pinganillos".

"Son galego e falo as miñas dúas linguas, pero non concibo un Congreso con pinganillos", sinalou Feijóo en redes sociais despois de que o PSOE xunto a Sumar, ERC, Bildu, PNV e BNG rexistrasen unha reforma do regulamento para poder empregar as linguas cooficiais no Congreso.

Argumenta o presidente dos populares que se todos os políticos se comunican na lingua común, non procede que os cidadáns paguen por entendelos no hemiciclo.

"(Carles) Puigdemont e (Yolanda) Díaz non necesitaron tradutor", agregou Feijóo nunha mensaxe na rede social X, antes Twitter, en alusión á reunión que o expresident catalán e a vicepresidenta segunda e líder de Sumar, Yolanda Díaz, mantiveron no Europarlamento.

A intención dos propoñentes da reforma do regulamento é que os deputados poidan falar en catalán, galego e éuscaro no pleno de investidura do líder do PP, os días 26 e 27 de setembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade