O verán galego frea polo momento a tempada de incendios forestais
O verán galego frea polo momento a tempada de incendios forestais
A vixilancia nos montes continúa alerta porque a situación pode cambiar en calquera momento
A irregularidade estacional ocasiona fóra do verán incendios cada vez máis virulentos
A videovixilancia e o persoal das brigadas centran o plan de loita contra os lumes forestais
Aínda que as previsións falaban dun verán máis cálido e seco do normal en Galicia, polo momento non se están cumprindo. As choivas e a humidade rexistradas en xullo están a atrasar a proliferación dos temidos incendios forestais. Mais o estío é longo e non convén confiarse.
"Dentro desta normalidade, desta primavera que é certo que foi chuviosa, pois como todos os anos estamos preparados e atentos ao que sucede. A meteoroloxía é un factor, pero o principal é a intencionalidade e temos que estar pendentes. Isto dun día para outro pode cambiar moi rápido", asegura Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte da Xunta.
A Xunta cuantificaba o ano pasado preto de 7.000 as hectáreas ardidas en Galicia fronte as máis de 50.000 rexistradas o ano anterior. Con eses números o plan de defensa contra o lume céntrase este ano no operativo humano e na vixilancia.
"Baséase no aumento de traballo dos fixos descontinuos e logo, de afondar nas cousas que funcionan. Estamos a espallar a rede de videovixilancia nos montes, que acreditou a súa eficacia tanto na vixilancia coma na coordinación de medios", confirma o director xeral de Defensa do Monte.
Os técnicos tamén están a se fixar nos lumes producidos fóra de tempada que, malia que non é un fenómeno novo, estase a comprobar que son máis virulentos que antano por mor de primaveras e outonos anormalmente secos.
Incendios coma os de Trabada ou Baleira o ano pasado, con máis de 2.000 hectáreas queimadas en outubro e marzo, téñense en conta a hora de planificar a loita contra os lumes no monte.