O xabaril causa estragos nos viñedos de Beade
O xabaril causa estragos nos viñedos de Beade
Pechar unha leira dunha hectárea ten un custo duns dez mil euros, un gasto que non todos poden asumir
Adegueiros, viticultores e veciños de Beade aseguran que a presenza de xabarís nas zonas de viñedo está a provocar estragos importantes. Din que a día de hoxe o peche das leiras semella ser o único efectivo para tentar, polo menos, minimizar os danos. A iso hai que engadirlle ademais os efectos do mildio. Temen as consecuencias que ambos os problemas poidan provocar na colleita deste ano.
No Ribeiro hai unhas 1.500 hectáreas de viñedo, boa parte delas en Beade. Aquí levan anos loitando contra os estragos que provoca o xabaril. Din que cada vez van a máis.
"Nos viñedos agora que a uva está madura fai estragos mesmo os que teñen peche con arame con que non sexan os que están ben postos tira con todo, e non é nin un nin dous, é que son familias enteiras. Por onde pasan arrasan." Conta unha veciña de Beade.
Os métodos para combatelos son moitos, pero non todos igual de efectivos. Din que o xabaril se vai adaptando, e que por iso resulta difícil ter a salvo o viñedo.
" Tivemos que pechar todo e aínda así as veces levanta o peche ou se tira do alto dun muro para abaixo, entra dentro tela pechada, nesa noite xa non sabe por onde saír e desfai todo. Onde o canón os primeiros días vai ben, hai que irlle cambiando de posición, de frecuencia o ruído, variándolle…e nada, chega un punto que se adapta e mesmo come as uvas ao lado do canón en funcionamento. É unha cousa que non ten control." Explica o viticultor Juan Antonio Villanueva.
Aseguran que pechar unha leira dunha hectárea ten un custo duns dez mil euros, un gasto que non todos poden asumir.
" Igual unha persoa que non pechou nada ten unhas perdas do sesenta por cento, setenta, incluso máis. El como colla unha variedade de uva das predilectas que lle gustan, iso arrásache todo. É capaz de comer o cen por cento da leira. "
A iso hai que engadirlle os problemas de mildio que hai este ano.
"Os meses de maio e xuño foron con moita presión da enfermidade e ademais con moitas treboadas, moitas veces non se puido ir sulfatar. Aquí hai moito viñedo que se traballa a man, entón leva moito tempo facer os tratamentos. As viñas que quedaron desprotexidas neses momentos de alto risco, pois acabou entrándolle o mildio directamente a uva e perdeu colleita." Lembra Miguel Tubío, director técnico de Martín Códax- Cooperativa San Roque de Beade.
No Ribeiro traballan case 1.100 adegueiros, colleiteiros e cooperativistas. Contan que os ataques do xabaril están presentes en toda a denominación de orixe, pero que esta de Beade é unha das zonas máis afectadas.