O Xapón activa a máxima alerta ante a chegada dun tifón "sen precedentes"
O Xapón activa a máxima alerta ante a chegada dun tifón "sen precedentes"
A Axencia Meteorolóxica do país advirte dun perigo nunca visto antes
A Axencia Meteorolóxica do Xapón emitiu unha alerta especial ante a chegada este domingo á illa de Kyushu (no suroeste) do poderoso tifón Nanmadol, cualificado de tormenta "sen precedentes" no país.
É a primeira vez que a entidade activa unha alerta deste tipo para unha das catro principais illas do arquipélago. O director de predicións do organismo, Ryuta Kurora, dixo en rolda de prensa que o fenómeno se intensificou e advertiu dun perigo "como nunca antes vimos".
Ventos de 270 quilómetros hora
Nanmadol atopábase á medianoite a uns 300 quilómetros ao sueste das illas Amami, no suroeste do país, producindo refachos máximos de vento duns 270 quilómetros por hora.
Agárdase que alcance as Amami sobre o mediodía do domingo e que poida tocar terra ao redor das 18:00 na prefectura de Kagoshima, a máis meridional da illa de Kyushu.
A Axencia prevé que a tormenta xere cantidades récord de choiva en Kagoshima, onde se activou a máxima alerta por precipitacións.
Inundacións e corrementos de terra
O organismo calcula que o sur de Kyushu, onde se temen inundacións e corrementos de terra, poida rexistrar ata 500 milímetros de choivas acumuladas nas vindeiras 24 horas.
Algúns operadores de servizos ferroviarios e grandes superficies xa anunciaron a suspensión total ou parcial dos seus servizos o domingo.
O organismo pensa que Nanmadol, o décimo cuarto tifón da presente tempada no Pacífico, pode variar a súa traxectoria cara ao nordés e pasar despois sobre a illa de Honshu, a principal do país.