Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Xapón constrúe o primeiro satélite de madeira do mundo

O Xapón constrúe o primeiro satélite de madeira do mundo

A Universidade de Kyoto proxecta poñelo en órbita en setembro

Foto de @SPACEMedia_db Foto de @SPACEMedia_db
G24.gal 29/05/2024 09:31

Investigadores da Universidade de Kyoto anunciaron este martes que completaron a construción de LignoSat, o primeiro satélite de madeira do mundo, que planean poñer en órbita en setembro.

LignoSat, unha combinación das palabras ligno, un prefixo que significa madeira, e satélite, é o resultado duns catro anos de investigación por parte da Universidade de Kyoto e a empresa Sumitomo Forestry, co obxectivo de crear un satélite máis respectuoso co medio ambiente e cun custo máis baixo.

O satélite, pequeno e de tipo CubeSat, pasou con éxito rigorosas inspeccións de seguridade realizadas pola NASA e a Axencia de Exploración Aeroespacial do Xapón (JAXA, sigla en inglés). É a primeira vez que un satélite de madeira é aprobado para o seu uso no espazo.

"Os satélites convencionais xeran partículas de alúmina durante a combustión que poden ter un impacto negativo no clima e as comunicacións da Terra. Dado que a madeira se queima cando volve entrar na atmosfera, agárdase que ese impacto se reduza", dixo o centro educativo nun comunicado.

A Universidade considera que se trata dun paso "extremadamente valioso" para a industria espacial e da madeira e que "axudará a abrir as posibilidades do uso deste material, un recurso sostible".

Un satélite lixeiro e sostible

Construído co método de carpintería tradicional xaponés, polo cal non se utilizan parafusos nin adhesivo, LignoSat é un cubo de 10 centímetros fabricado con paneis de madeira de magnolia de 4 a 5,5 milímetros de espesor, cun marco parcialmente construído de aluminio.

Tamén ten paneis solares colocados nalgúns lados e pesa aproximadamente 1 quilogramo.

"Gustaríanos crear no futuro un satélite, incluída a parte do substrato electrónico (no seu interior), feito enteiramente de madeira", dixo Takao Doi, un astronauta que traballa como profesor dun programa na Universidade de Kyoto.

O satélite será entregado á JAXA o 4 de xuño e lanzado, posiblemente en setembro, desde o Centro Espacial Kennedy en Florida (Estados Unidos), con destino á Estación Espacial Internacional, nunha nave de SpaceX.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade