Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os museos científicos da Coruña abren de balde ata o 17 de novembro

Os museos científicos da Coruña abren de balde ata o 17 de novembro

A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae propoñen experimentar para comprender

Os tres centros únense á celebración da Semana da Ciencia, un evento europeo de divulgación científica

G24.gal 09/11/2024 20:45 Última actualización 09/11/2024 21:11

A Semana da Ciencia da Coruña é unha ocasión inmellorable para coñecer ou para revisitar os tres museos científicos da rede municipal.

Durante nove días o Aquarium Finisterrae, a Domus e a Casa das Ciencias abren de balde para axudarnos a comprender mellor o mundo que habitamos e a nós mesmos.

O próximo ano a Casa das Ciencias celebrará os corenta de existencia. Dende o primeiro día, a directriz principal foi clara e incuestionable: está prohibido non tocar. Nacía o primeiro museo interactivo público de España e con el, comezaba a abrirse o camiño para a rede de museos científicos da Coruña.

"Da Casa das Ciencias orixinal queda o planetario analóxico e, na parte intanxible, queda o espírito daquel espazo, onde o público era protagonista, onde os obxectos non eran para contemplar, senón para exploralos manipulativamente. É a fórmula de éxito deste museo que leva case corenta anos achegando ciencia a todo tipo de públicos", explica Marcos Pérez Maldonado, director técnico da Casa das Ciencias.

Cada ano o antigo palacete do parque de Santa Margarida recibe a visita de máis de 90.000 persoas que se achegan á ciencia xogando. Unha fórmula, a do coñecemento a través da experimentación, que tamén funciona na Domus e no Aquarium Finisterrae. 

Para visitar a Casa dos Peixes e para asistir ás sesións do planetario das fins de semana cómpre reservar entradas con antelación. A Semana da Ciencia estenderase ata o 17 de novembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade