Publicador de contidos
Publicador de contidos

O líder de Wagner desafía a Putin e dirixe as súas tropas cara a Moscova

O líder de Wagner desafía a Putin e dirixe as súas tropas cara a Moscova

Ievgueni Prigozhin, respóndelle ao presidente ruso que non se van render e fala de "guerra civil" tras facerse co control de Rostov e Vorónezh, a 500 quilómetros de Moscova

O presidente ruso asegura que os responsables do levantamento van ser castigados

A OTAN está "monitorizando" a situación en Rusia

Tanques e mercenarios de Wagner nas rúas de Rostov
G24.gal 24/06/2023 09:44 Última actualización 24/06/2023 14:27

O xefe do grupo de mercenarios rusos Wagner declarado en rebeldía contra o Ministerio de Defensa ruso, Ievgueni Prigozhin, afirmou ter baixo control o Estado Maior das forzas rusas na cidade de Rostov, no sur do país, e instalacións militares en Vorónezh.

"Estamos no Estado Maior, 7:30 hora de Moscova (04:30 GMT), controlamos as instalacións militares de Rostov, incluíndo o aeródromo", afirmou nun vídeo publicado na súa conta de Telegram.

Sinalou que "os avións parten normalmente ás misións de combate. A aviación médica tamén sae. Non hai ningún problema. O único que facemos é impedir que a aviación de asalto nos bombardee e garantir que bombardee os ucraínos".

"O posto de mando principal traballa normalmente, non hai ningún problema, nin un só oficial foi separado das súas funcións. Por iso, se lles contan que Wagner entorpeceu o traballo e por iso na fronte se derrubou algo, saiban que non foi por isto", dixo.

"Cando viñemos aquí, confirmamos moitas cousas. Unha gran cantidade de territorio perdido, de soldados mortos, de tres a catro veces máis do que se eleva en documentos á Presidencia rusa, e o que se informa é dez veces menos que o que di a televisión", denunciou.

Rusia corta a estrada de Rostov para impedir que os mercenarios sublevados cheguen ata Moscova. O gobernador da rexión asegura que etsán pechados ao tráfico 300 quilómetros da estrada entre Rostov del Don e Moscova por Vorónezh, polo que instou aos residentes que non viaxen pola zona.

Segundo Prigozhin, as baixas ascenden algúns días ata as mil, entre elas "mortos, desaparecidos, feridos e os chamados desertores que se negan a combater non porque sexan covardes, senón por non teren outra saída: nin teñen municións, nin teñen mando".

"O xefe do Estado Maior fuxiu de aquí en canto soubo que nos achegabamos ao edificio", engadiu. Anteriormente, outra canle de Telegram afiliada a Wagner publicou un vídeo dunha reunión entre Prigozhin en Rostov no Don co viceministro de Defensa Iunus-Bek Evkúrov e o subcomandante do Estado Maior, Vladímir Alexéev.

Prigozhin declarou que mentres Wagner "non teña no seu poder o xefe do Estado Maior ruso, Valeri Guerásimov, e o ministro de Defensa, Serguéi Shoigú, os seus mercenarios "bloquearán a cidade de Rostov" e "avanzarán cara a Moscova.

Para Putin é un acto de traizón

O presidente ruso, Vladimir Putin, denunciou este sábado un acto de "traizón" tras a entrada do líder do grupo de mercenarios Wagner, Ievgeni Prigozhin, na cidade rusa de Rostov, sede do mando sur do Exército ruso, que o mandatario describiu como un acto de rebeldía e unha "puñalada por detrás" ás tropas e ao pobo de Rusia.

Na súa primeira comparecencia tras o comezo dos incidentes esta noite, Putin non identificou por nome a Prigozhin e quixo distinguir as forzas de Wagner, ao pedir a «quen foron empuxados á provocación desta rebelión militar» que depoñan as armas no que denunciou como unha "puñalada" para as tropas rusas e para o pobo. Asegura que Rusia "vencerá".

Reacción en Ucraína

O asesor da oficina presidencial ucraína Mijailo Podoliak cualificou de "operación antiterrorista" a declaración de rebeldía do xefe grupo de mercenarios rusos Wagner, Ievgueni Prigozhin, e afirmou que con esta operación  "xusto agora empeza todo de novo en Rusia". Con estas declaracións ao asesor de Zelenski fai referencia a unha posible caída do réxime de Vladímir Putin.

"A operación antiterrorista de Prigozhin en territorio ruso xa levou á captura de Rostov, algunhas estradas e a sede militar do distrito sur", asegurou Podoliak, a través da súa conta en Twitter.

O opositor ruso Jodorkovski insta a axudar a Prigiozhin na súa rebelión. Mentres, Letonia avalía "medidas adicionais" de seguridade e Polonia vixía a súa fronteira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade