Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xefe dos mercenarios de Wagner insulta o mando ruso denunciando falta de munición

O xefe dos mercenarios de Wagner insulta o mando ruso denunciando falta de munición

Nun vídeo en que amosa os cadáveres de combatentes das súas unidades ataca con dureza o ministro de Defensa ruso e o xefe do Estado Maior das Forzas Armadas de Rusia, a quen responsabiliza de que non lles cheguen as subministracións necesarias

G24.gal 05/05/2023 10:58

Yevgueni Prigozhin, xefe da compañía de mercenarios Wagner, atacou duramente ao ministro de Defensa ruso, Serguéi Shoigú, e o xefe do Estado Maior das Forzas Armadas de Rusia, Valeri Guerásimov, aos que responsabiliza de que aos seus combatentes non lles chegue a munición.

Nun vídeo que publicou en Telegram, amosa unha chea de cadáveres dos seus homes e asegura que "estes son os mozos que morreron hoxe, o sangue aínda está fresco", e di que as baixas serían menos se as unidades dos Wagner recibisen a debida cantidade de munición.

Agregou que só teñen o 30 por cento da munición que necesitan, e responsabilizou directamente a Shoigú e Guerásimov.

"Viñeron aquí como voluntarios e morren para que vostedes engorden nos seus despachos de caoba", di Prigozhin dirixíndose con diversos insultos ao ministro de Defensa e ao xefe do Estado Maior.

Este xoves Prigozhin afirmou que nun só día de combates morreran 116 dos seus combatentes debido á escaseza de munición, que cualificou de "gravísima".

Esta non é a primeira denuncia do xefe dos mercenarios de Wagner neste sentido, e xa a comezo de marzo pasado chegou a ameazar con retirar o seu destacamentos de Bajmut.

Este venres volveu reiterar esa ameaza e, noutro vídeo, advertiu que retiraría as súas unidades e declarou que "en nome dos combatentes de Wagner e da súa comandancia que o 10 de maio de 2023 estaremos obrigados a entregar as posicións na cidade de Bajmut ás unidades do Ministerio de Defensa e a recolocar aos combatentes na retagarda para lambernos as feridas".

"Retiro as unidades do Grupo Wagner de Bajmut porque coa falta de municións están condenados a unha morte sen sentido", recalcou dirixíndose "ao xefe do Estado Maior, Valeri Guerásimov, ao ministro de Defensa, Serguéi Shoigú, ao comandante en xefe, Vladimir Putin, e ao pobo de Rusia".

Prigozhin asegurou que está preparado para as críticas á súa decisión. "Haberá listos que digan que había que quedar máis tempo en Bajmut. Pero os que queren criticar algo que veñan a Bajmut, benvidos, agregou tras loitar os seus combatentes xa noves meses e cinco días nesta fronte".

O portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, rexeitou na súa conferencia de prensa diaria comentar a ameaza do xefe de Wagner e remitiuna ao Ministerio de Defensa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade