Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Campionato de Tirapedras de Melide recupera para novos e maiores os xogos tradicionais

O Campionato de Tirapedras de Melide recupera para novos e maiores os xogos tradicionais

Medio cento de persoas participaron nesta actividade lúdica e cultural que organiza a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional

Divulgación, cultura e encontro interxeracional danse cita nas festas de San Roque da vila

G24.gal 18/08/2022 14:30 Última actualización 18/08/2022 14:48

Melide acolleu hoxe a edición número 14 do Campionato de Tirapedras da Galiza Central, que tras dous anos de interrupción recuperose na vila con moito éxito.

Un dos veteranos deste xogo, curtido cando era un neno, é Leoncio Loureiro, que aos seus 79 anos continúa en plena forma e chega sen adestrar para explicarnos as normas básicas do tirapedras. Claro que este xogo non ten normas escritas porque a tradición di que estas deben consensuarse xusto antes de comezar. 

Desde a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, Paco Veiga alude á tradición de "bos tiradores e tiradoras que hai en Melide" para explicar o éxito desta actividade que forma parte das festas de San Roque. Ademais, engade, "a nosa intención é recuperar tamén os espazos de xogo da vila de Melide, as rúas, que sempre foron espazos de xogo ata que chegaron os coches".

Espazos de xogo onde tamén se puido experimentar con outras disciplinas que constitúen unha parte imprescindible da identidade galega. "O xogo tradicional é unha manifestación cultural absolutamente transcendente porque a través del o individuo imprégnase da cultura onde nace", reflexiona Veiga.

Veteranos gañadores e novos valores preparábanse minutos antes do comezo da competición oficial, con moita deportividade. Tanto Leoncio, "levo gañados varios campionatos", como xogadores máis novos como Roi, que aos seus 14 anos xa gañou un terceiro premio e hoxe erixiuse co primeiro posto na competición infantil.

Esta décimo cuarta edición foi moi concorrida e con xente de todas as idades. Quizais porque, facendo noso o pensamento do nobel Bernard Shaw, non deixamos de xogar porque envellecemos, envellecemos porque deixamos de xogar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos