Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xuíz Peinado di que se poden sacar "conclusións" do silencio de Pedro Sánchez

O xuíz Peinado di que se poden sacar "conclusións" do silencio de Pedro Sánchez

O presidente do Goberno acolleuse ao seu dereito a non declarar contra a súa muller ante o xuíz que a investiga por presunto tráfico de influencias

Sánchez interpuxo unha querela contra este xuíz por prevaricación

G24.gal 22/08/2024 17:06 Última actualización 22/08/2024 17:46

O xuíz Juan Carlos Peinado que investiga a Begoña Gómez, muller do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, dixo que se poden sacar "conclusións" do "silencio" do líder do Executivo cando se negou a declarar ante el en Moncloa como testemuña.

O titular do Xulgado de Instrución número 41 ordena trasladar copia ás partes das gravacións do pasado 30 de xullo na Moncloa, ao que se opoñía a Fiscalía, porque entende que pode "dar lugar á formación de inferencias".

Di que o seu "silencio" é "lexítimo" pero que, "como é ben sabido, permite dar lugar á formación de inferencias, que, no seu caso, en conxunto con outros elementos de carácter obxectivo, poidan levar a conclusións de carácter obxectivo, ao obxecto de valorar a posible concorrencia de aspectos integrantes, de posibles indicios, ben en sentido inculpatorio cara a algún investigado ou, pola contra, en sentido excluínte de responsabilidade penal".

O pasado día 3, a Fiscalía pediu ao xuíz que non se entregasen ás partes as gravacións da testifical de Sánchez na Moncloa porque "carecería de utilidade material ou procesual", aínda que o xuíz asegura que o solicitou "sen indicar precepto legal algún" nin concretar os motivos que poidan facer presumir tal improcedencia.

Peinado explica que "a testemuña" se acolleu á "dispensa que lle ofrece o artigo 416 da Lei de Axuizamento Criminal", de tal maneira que "non realizou manifestación algunha" respecto das posibles preguntas que se lle puideron realizar.

Estas preguntas "se non se considerasen impertinentes por este instrutor, habería de contestar, baixo xuramento, e por tanto dicir verdade".

Ante a petición da Fiscalía sinala que "o certo é que as partes teñen dereito a dispoñer de copia de todos os documentos que se conteñen nas dilixencias previas", incluídos "os contidos nos soportes dixitais" nos que se documenten, no seu caso, as dilixencias de instrución levadas a cabo.

Xustifícao ante "a interpretación procesual que se poida realizar á conduta que, por calquera dos intervenientes, poñan de manifesto, ben polo que contesten ou ben polo seu silencio".

O presidente do Goberno acolleuse ao seu dereito a non declarar contra a súa muller ante o xuíz que a investiga por presunto tráfico de influencias e, inmediatamente, interpuxo unha querela contra el por prevaricación.

Sánchez, nunha declaración que durou dous minutos, simplemente ratificou que a investigada é a súa muller e que, polo tanto, se acollía á súa dispensa a non declarar en contra dela, como lle permite a lei.

Pouco despois, a Avogacía do Estado, en representación da Presidencia do Goberno que ostenta Sánchez, presentou unha querela ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, que está pendente da súa admisión a trámite, algo que se decidirá en setembro.

A querela pide ao que investigue ao maxistrado ao considerar que ditou "a propósito" varias resolucións "inxustas" e contrarias ao disposto na norma, xa que atendían a "conviccións propias" que "se apartan do seu deber investigador". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade