Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xuíz que investiga a Begoña Gómez cita como testemuña a Pedro Sánchez para o día 30

O xuíz que investiga a Begoña Gómez cita como testemuña a Pedro Sánchez para o día 30

O xuíz practicará a proba testifical nas instalacións da Moncloa

Feijóo pídelle a Sánchez que redacte a súa terceira carta, a de dimisión, como el mesmo lle pedira a Rajoy en 2017 tras ser chamado a declarar

Peinado acordou ademais cambiar a condición do reitor da Universidade Complutense de Madrid de testemuña a investigado

G24.gal 22/07/2024 11:18

O xuíz que investiga a Begoña Gómez por supostos delitos de tráfico de influencias e corrupción nos negocios citou o presidente do Goberno Pedro Sánchez para que declare como testemuña o vindeiro día 30 ás 11 da mañá.

O xuíz Juan Carlos Peinado vaise despazar ata as instalacións da Moncloa para practicar esa proba testifical.

Nunha providencia ditada o pasado venres, o mesmo día que compareceu Begoña Gómez e se negou a declarar en calidade de investigada, acepta a petición formulada polas acusacións populares, dirixidas por Vox, que solicitaban a declaración do xefe do Executivo en calidade de testemuña, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.

Para practicar o interrogatorio, o maxistrado trasladarase ao complexo residencial da Moncloa, en virtude dos artigos 412 e 413 da Lei de Axuizamento Criminal (LECRIM), que, para algúns cargos públicos como o presidente do Goberno, recolle a posibilidade de tomar declaración "sobre cuestións das que non tivese coñecemento por razón do seu cargo" no seu domicilio ou despacho oficial.

A declaración de Pedro Sánchez será gravada, como establece a mesma norma, segundo dispuxo o xuíz na súa resolución.

Nela, solicita aos servizos informáticos da Comunidade de Madrid que se dirixan á Moncloa o próximo 29 de xullo para instalar "os dispositivos necesarios" para que a testifical do presidente do Goberno "sexa recollida no correspondente soporte de gravación".

A citación do xefe do Executivo como testemuña prodúcese despois de que o pasado venres a súa muller, Begoña Gómez, se acollese ao seu dereito a non declarar ao non ver suficientes garantías no procedemento xudicial, como explicou o seu avogado Antonio Camacho á saída da comparecencia.

Esta decisión motivou que as acusacións populares solicitasen a testifical de Pedro Sánchez co obxectivo de coñecer que ocorreu nas reunións mantidas por Begoña Gómez e empresarios como Juan Carlos Barrabés, tamén imputado, na Moncloa.

Noutra providencia, Peinado acordou este luns cambiar a condición do reitor da Universidade Complutense de Madrid (UCM), Joaquín Goyache, de testemuña a investigado despois de oír en sede xudicial as testificais do actual vicerreitor de Relacións Institucionais, José María Coello de Portugal, e o seu antecesor no cargo, Juan Carlos Doadrio.

Feijóo pídelle a Sánchez que redacte a súa carta de dimisión, como el lle pedira a Rajoy

O líder do PP Alberto Núñez Feijóo pediu este luns ao xefe do Executivo Pedro Sánchez que redacte a súa "definitiva carta" de dimisión e siga así os consellos que el mesmo daba ao expresidente Mariano Rajoy en 2017 tras ser citado en sede xudicial. Entón dixera que só quedaba "unha saída honorable", a de presentar a súa dimisión ante o rei para non "arrastrar a España na súa caída". "Pois en nome do partido maioritario de España pídolle ao Sánchez de 2024 que siga os consellos do Sánchez de 2017 e que redacte a súa terceira e definitiva carta", demandou Feijóo a Sánchez.

Ademais, lembrou ao presidente do Goberno que na súa declaración como testemuña "ten que dicir a verdade, e é algo ao que non está afeito".

Así se pronunciou na súa intervención ante a Xunta Directiva Nacional do PP, máximo órgano do partido entre congresos, tras coñecer a decisión do xuíz. 

Feijóo criticou que o Goberno busque "fuxir de toda explicación en lugar de render contas", pretendendo ademais que "os cidadáns rendan reverencia". "Pois non. Unha cidadá ou un cidadán imputado ten o dereito a non dar explicacións. Pero un Goberno non", proclamou, para engadir que o Executivo "debe de dar explicacións aos cidadáns sempre" e "máis aínda cando estamos a falar de presuntas actuacións de corrupción que chegan ao Palacio da Moncloa".

O presidente de PP asegurou que é realmente lamentable que a primeira vez que vaian oír o señor Sánchez falar da corrupción que afecta o Palacio da Moncloa teña que ser ante un xuíz porque foi chamado a declarar.

Ademais, e despois de que o presidente dos EUA Joe Biden anunciase que renuncia á carreira presidencial, Feijóo sinalou que a súa decisión confirma que hai políticos que poñen o seu partido e o seu país por encima das preferencias persoais. "Canto dariamos por que isto ocorrese en España", exclamou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade