Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xuíz rexeita que Sánchez declare por escrito e mantén a citación na Moncloa

O xuíz rexeita que Sánchez declare por escrito e mantén a citación na Moncloa

O maxistrado lembra que Sánchez non está citado a declarar como presidente do Goberno, senón como esposo dunha das investigadas

Begoña Gómez pide celeridade ao posible arquivo da causa e as acusacións cren que Sánchez tenta "coaccionar" o xuíz

Imaxe de arquivo de Pedro Sánchez e Begoña Gómez (Álex Cámara / Europa Press) Imaxe de arquivo de Pedro Sánchez e Begoña Gómez (Álex Cámara / Europa Press)
G24.gal 26/07/2024 17:13

O xuíz rexeitou a petición do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de declarar por escrito no caso no que se investiga a súa muller, Begoña Gómez, e mantén a súa citación o vindeiro martes 30 de xullo no Palacio da Moncloa.

A resolución foi ditada polo xuíz Carlos Valle, substituto do titular do xulgado de instrución número 41 de Madrid, Juan Carlos Peinado, que investiga a Begoña Gómez por suposto tráfico de influencias e corrupción nos negocios.

No seu escrito lembra que se citou a Sánchez a declarar como testemuña en calidade de esposo da investigada, non por feitos que coñecese por razón do seu cargo.

Con todo, precisa que se cre que pode colaborar "eficazmente" coa Xustiza trasladando "feitos relevantes dos que tivo coñecemento por razón do seu cargo" de presidente do Goberno, pode comunicalo na declaración do martes para que, entón si, preste unha nova declaración por escrito.

Contra esta resolución pode presentarse aínda un recurso de reforma no prazo de tres días.

Tras ser citado como testemuña, Sánchez enviou unha carta ao xuíz o pasado mércores no que garantía a súa vontade de colaborar coa Xustiza, pero manifestaba que, na súa condición de xefe do Executivo, a súa declaración debía prestarse por escrito de acordo co artigo 412.2 da Lei de axuizamento criminal.

"É notorio que a miña comparecencia resulta inescindible da condición de presidente do Goberno", explicaba o presidente.

Pero o xuíz respóndelle que ese artigo fala de declaracións por feitos coñecidos en razón do seu cargo, polo que mantén a declaración "nos mesmos termos e condicións" en que a fixou a pasada semana.

As acusacións populares -Vox, Hazte Oír, Manos Limpas, Iustitia Europa e Movemento de Rexeneración Política de España- pediron ao xuíz que mantivese a declaración presencial no Palacio da Moncloa.

Segundo estas acusacións, Sánchez tampouco podería acollerse á dispensa legal que o exime de testificar en contra da súa muller, xa que hai outros dous investigados: o empresario Juan Carlos Barrabés, adxudicatario de varios contratos públicos investigados, e o reitor da Universidade Complutense de Madrid, Joaquín Goyache.

Antes de ditarse esta última resolución, a Fiscalía remitiu un escrito ao xuíz para indicarlle que quería estar presente na declaración de Sánchez na Moncloa.

O maxistrado aínda non se pronunciou sobre os recursos interpostos por parte da defensa de Begoña Gómez e da Fiscalía contra a citación de Sánchez como testemuña.

Barrabés tamén recorreu a súa citación para declarar como investigado este luns, tras facelo como testemuña o 15 de xullo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade