Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xuíz sinala o exministro José Luis Ábalos como "intermediario" da trama Koldo

O xuíz sinala o exministro José Luis Ábalos como "intermediario" da trama Koldo

Destaca unha reunión de "especial interese" entre Koldo e Ábalos nunha mariscaría

O auto do xuíz mantén que a trama planeaba unha reunión con "Miguel Tellado e Alberto" 

El Confidencial" publica que a muller de Pedro Sánchez mantivo reunións cun dos líderes da trama

G24.gal 29/02/2024 09:12 Última actualización 29/02/2024 12:15

O xuíz da Audiencia Nacional que investiga presuntas comisións irregulares para a adxudicación de contratos de máscaras durante a pandemia sinala o exministro de Transportes José Luis Ábalos como "intermediario" da trama Koldo.

Nun auto do 7 de febreiro recollido por Europa Press, Ismael Moreno apunta: "A observación das comunicacións e a actividade operativa realizada pola unidade actuante permiten concluír que estes intermediarios serían José Luis Ábalos e Jacobo Pombo". Polo cal, autorizou unha serie de intervencións telefónicas aos investigados.

O maxistrado centra a atención nun encontro que tivo lugar o pasado 10 de xaneiro nun restaurante de Madrid. Para o titular do Xulgado Central de Instrución Número 2, esta reunión "ten un especial interese para os feitos investigados", tendo en conta a conversa telefónica mantida o día anterior entre o empresario Juan Carlos Cueto, presunto cerebro da trama, e Koldo.

Segundo se desprende da investigación, nesa chamada, Cueto pedíalle a Koldo que falase cun terceiro. "Koldo infórmao de que unha das cousas para tratar cunha das persoas que se reunirá ao día seguinte, cando se reúne con Ábalos, era esa, enténdese que se refería ás xestións realizadas coa Administración balear para solucionar a reclamación de 2,6 millóns de euros realizada a Soluciones de Gestión", engade o xuíz.

O Goberno pide esperar á investigación xudicial sobre a posible intermediación do exministro.  Subliña que ata o de agora non hai ningún reproche penal contra Ábalos, pero recalcan que xa non forma parte do Grupo Socialista e suspendido de militancia no PSOE. 

De momento, nin Ábalos nin Jacobo Pombo figuran como investigados no procedemento que se segue na Audiencia Nacional por presuntos delitos de organización criminal, branqueo de capitais, suborno e tráfico de influencias.

Reunión con Miguel Tellado 

O auto do maxistrado Ismael Moreno tamén recolle que a trama do caso Koldo planeaba unha reunión con Miguel Tellado.  En alusión a unha conversa telefónica entre os investigados, o xuíz mantén que "o día 2 de decembro de 2023, Cueto conseguiu contactar con Koldo, quen o informou de que o acababan de chamar e que quedara con Miguel Tellado e Alberto ao día seguinte".

O portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, negou este xoves que mantivese ningunha conversa ou reunión co asesor do exministro, Koldo García. 

Miguel Tellado mantén que o que debe dar explicacións é o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Unha esixencia compartida, polo líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que tamén negou contactos coa trama.  

Feijóo emprazou o xefe do Executivo a dar a cara e non "esconderse" ante as informacións que se están producindo en relación co caso Koldo. Ao seu entender, requírense "respostas concretas, valentes, e asumir as responsabilidades".

"Sánchez ten que contestar os españois que responsabilidade política, e no seu caso que responsabilidade persoal, ten na trama que estamos a coñecer. Todo fai evidente que coñecía feitos que conforman a trama e por iso esiximos que non a siga tapando, que dea todas as explicacións", declarou Feijóo nunha comparecencia no Senado

Dende o PSOE, o secretario de Organización, Santos Cerdán, di que esperan aclaracións sobre esas gravacións que citan a "Alberto".  

Mentres, dende o Goberno,  a vicepresidenta primeira  e vicesecretaria xeral do PSOE, María Jesús Montero, pediu deixar fóra de toda liorta política a familia, e rexeitou toda vinculación da esposa do presidente Pedro Sánchez co chamado caso Koldo. 

María Jesús Montero manifestou que "en política hai que medir as acusacións" porque cando se quere "facer demagoxia e facer populismo", ao final vense prexudicadas as institucións e o bo nome da política. 

A vicepresidenta primeira di que "non se poden tolerar as calumnias nin a infamia, e menos dirixida á contorna do presidente, porque representa unha institución que ten que ser e é exemplar ante o conxunto da cidadanía".

En Galicia, o presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, insiste en que a gravidade das informacións que se van coñecendo sobre este caso require máis explicacións do PSOE.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade