Once persoas marchan sen pagar a cea nunha terraza da Pobra do Caramiñal
Once persoas marchan sen pagar a cea nunha terraza da Pobra do Caramiñal
Eran dúas familias con nenos que escaparon de xeito organizado
Deixaron un pufo de 320 euros en marisco e viño
Eran preto das doce da noite en plenas festas do Carme dos Pincheiros cando o grupo, formado por dúas familias con nenos, sentou a cear nunha esquina da terraza.
"Estaba ateigado de xente, fixemos oco para o grupo de once neste lado da terraza. Eran amables, tiñan nenos, e pediron de todo", explica María de los Ángeles Prol Lampón, a propietaria da Adega A'Kunka.
"Recordo que pediron zamburiñas, lagostinos, navallas, polbo, de marisco case todo o que temos", recorda Socorro Rodríguez, a cociñeira.
Consumiron todo o que Socorro lles cociñou e cando o camareiro entrou no local fuxiron. Escaparon antes de pedir a conta e de maneira orquestrada.
"Saíu o meu compañeiro e preguntoume: 'Pagaron?'. Non pagaran, non! E os dunha mesa dixéronme que escaparon divididos en dous grupos, uns por unha rúa e outros pola outra", di a dona do local.
Tentaron seguilos, pero non deron con eles, tampouco era xente da zona. A débeda que deixan é de 328 euros, ademais dun nefasto exemplo para os nenos da familia e un gran desgusto para esta hostaleira.
"Dáme moita rabia, nós facemos moito esforzo por atender a todo o mundo, botamos moitas horas traballando e que che pase isto dá moita impotencia"
Esta é a segunda vez que lles pasa neste ano, pero polo momento non van tomar medidas especiais. A súa, din, é unha clientela fiel e honrada, e cousas así, din, non se repiten todos os días.