Comezan os exames para acadar unha das 779 prazas do Sergas en xogo
Comezan os exames para acadar unha das 779 prazas do Sergas en xogo
Máis de 18.300 persoas concorren á convocatoria, que se desenvolve en Silleda durante toda a fin de semana
Un total de 18.377 persoas están convocadas esta fin de semana no recinto feiral de Silleda para concorrer ás oposicións do Sergas. Hai 779 prazas en xogo, divididas en dez categorías.
O sábado pola mañá celebráronse os exames de enfermería especialista en obstetricia-xinecoloxía (46 prazas), técnica superior en imaxe para o diagnóstico (12 prazas), técnica en xestión de sistemas e tecnoloxías da información (dúas prazas) e terapia ocupacional (6 prazas).
Pola tarde, as probas do grupo auxiliar da función administrativa (318 postos).
O domingo pola mañá é a quenda de enxeñería técnica (10 prazas), enfermería pediátrica (32), enfermería de saúde mental (31) e odontoloxía de atención primaria (17). A categoría de celador (306 postos) queda para a tarde, con máis de 8.300 persoas admitidas.
A participación durante o sábado foi elevada. Na quenda de mañá acudiu un 85 % das persoas inscritas e na da tarde case o 70 %, segundo informou a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña.