Comezan as oposicións de Educación, con 21.230 aspirantes a 1.743 prazas
Comezan as oposicións de Educación, con 21.230 aspirantes a 1.743 prazas
Os exames realízanse en 15 localidades, seis na provincia da Coruña, cinco na de Pontevedra e dúas nas de Ourense e Lugo
Este domingo hai exames do concurso-oposición a 271 prazas de medicina de familia de Atención Primaria en Silleda
Milleiros de persoas participan esta fin de semana en senllos procesos de oposición que convoca a Xunta. Un total de 21.230 aspirantes buscan unha praza de profesor e 606, un posto no servizo de Atención Primaria do Sistema Galego de Saúde (Sergas).
Os exames de Educación comezan este sábado en 15 localidades. En xogo hai 1.743 prazas, das que o 86 % son de novo ingreso e as restantes de promoción interna.
As probas realízanse nos seguintes centros:
-A Coruña: IES Rafael Dieste da cidade herculina, IES Plurilingüe de Ames, CIFP Universidade Laboral de Culleredo, IES Saturnino Montojo de Ferrol, CIFP Compostela de Santiago e IES Leliadoura de Ribeira.
-Pontevedra: IES Ramón Aller Ulloa de Lalín, CIFP A Granxa de Ponteareas, IES A Xunqueira I da capital provincial, IES Valadares de Vigo e IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa.
-Ourense: IES Ramón Otero Pedrayo da cidade das Burgas e IES Manuel Chamoso Lamos do Carballiño.
-Lugo: CIFP As Mercedes da capital e IES Terra Chá de Castro de Rei.
Máis de 1.700 prazas
Das 1.743 prazas que convoca a Consellería de Educación, a maioría (875) son do Corpo de Profesores de Secundaria, ás que hai apuntadas 11.189 persoas. O segundo grupo máis numeroso é o Corpo de Mestres, con 520 vacantes e 9.011 rexistradas.
A maiores, hai 84 prazas do Corpo de Especialistas en Sectores Singulares da FP con 528 rexistrados, máis outras 33 no de Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) con 308 persoas anotadas.
Ademais, convócanse 220 prazas de acceso do subgrupo A2 ao A1, neste caso con só 99 aspirantes.
O Sergas oferta 271 prazas
Por outra banda, este domingo hai exames do concurso-oposición a 271 prazas de medicina de familia de Atención Primaria: 126 de acceso libre, 132 de promoción interna e outras 13 de discapacidade xeral.
Os 606 aspirantes que hai anotados terán que desprazarse, no seu caso, ata o Recinto Feiral Internacional de Galicia en Silleda, onde as probas comezan ás 9:30 horas.
De todas as persoas rexistradas, case un 5 % residen fóra de Galicia e chama a atención que a gran maioría, un 76 %, son mulleres. Ademais, a media de idade é de 37 anos.
O 38 % tamén ten que realizar o exame de lingua galega por non estar en posesión do Celga 4.
Esta convocatoria do Sergas responde ao proceso de estabilización ao amparo da lei estatal de 2021 para reducir a temporalidade no emprego público.