Organizacións agrarias galegas din que xa hai problemas para exportar a Europa
Organizacións agrarias galegas din que xa hai problemas para exportar a Europa
O sector agrícola e gandeiro segue coas protestas e co calendario de mobilizacións para este mes
Unha das queixas máis comúns radica na "asfixiante" burocracia que impón a nova normativa da PAC
A política agraria común (a PAC) está en boca de agricultores e gandeiros de boa parte de Europa como un problema transversal. No campo galego tamén se comparte esa idea. As protestas colapsan vías e zonas fronteirizas, con Francia como epicentro, pero tamén noutros países que seguen os seus pasos.
"Temos problemas para atopar transporte xa con destino sobre todo ao norte de Europa e Francia, porque temos que pensar que Francia é un país de paso tamén ás exportacións que facemos sobre todo á Gran Bretaña e a Alemaña", sinala Hixinio Mougán, director xerente de AGACA.
Organizacións agrarias galegas e españolas reclaman, como as francesas, desde prezos dignos ata un freo á competencia desleal de Mercosur ou Nova Zelandia. E de fondo, está a queixa persistente polo forte incremento da burocracia que esixen as novas normativas comunitarias.
"Un pequeno gandeiro ou un pequeno agricultor non ten por que ter case unha oficina para cargar datos tal como se lles está pedindo. Hai unha especie de sensación de que entramos nun proceso de grande irmán por parte da Unión Europea", indica Mougán.
Desde o sector transmiten que están dispostos a avanzar en cuestións como o benestar animal e o impacto ambiental e do carbono, pero que as normas impostas son inasumibles, sobre todo no curto prazo.