Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detidas cen persoas nos actos de repulsa pola morte de Navalni en Rusia

Detidas cen persoas nos actos de repulsa pola morte de Navalni en Rusia

A policía tamén recolleu os datos de toda a xente que participou nas protestas, incluída a prensa

A entrada do cárcere en que faleceu Navalni
G24.gal 17/02/2024 10:02 Última actualización 17/02/2024 13:46

Polo menos 110 persoas foron detidas en diferentes cidades rusas durante os actos de repulsa pola morte en prisión do líder opositor, Alexéi Navalni, segundo informa OVD-Info, organización que vela polos dereitos dos opositores detidos.

Más da metade dos arrestos (69) practicáronse en San Petersburgo, cidade natal do presidente ruso, Vladimir Putin. O resto foron apresados en Moscova, Nizhni Nóvgorod, Krasnodar e outras localidades da parte europea de Rusia e de Siberia. 

Ademais, a policía recolleu os datos persoais de todas as persoas participantes neses actos, incluídos os reporteiros que acudiron a cubrilos. As forzas da orde tentan desde o venres retirar todos os memoriais instalados polo país na honra de Navalni.

No exilio, milleiros de cidadáns rusos saíron á rúa para protestar polo que consideran un asasinato por encargo do Kremlin e convocaron para este sábado máis accións en cidades europeas, estadounidenses e de América Latina.

Inimigo número un

Navalni, de 47 anos, morreu o venres de xeito repentino na prisión ártica na que se atopaba desde decembro pasado, segundo informaron os servizos penais de Rusia. A oposición e a prensa independente rusa, xunto ás chancelerías occidentais acusaron a Putin de ordenar o asasinato.

Inimigo número un do Kremlin desde hai 15 anos, cumpría unha condena de case 30. Fora trasladado en decembro a unha prisión ártica despois de anunciar unha campaña contra a reelección de Putin nos comicios presidenciais de marzo.

O portavoz presidencia, Dmitri Peskov, considerou "inaceptables" as acusacións vertidas por Occidente antes de que se coñezan os resultados da autopsia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade