As protestas dos agricultores esténdense por varios países europeos
As protestas dos agricultores esténdense por varios países europeos
Os tractores franceses chegan ás portas do mercado de Rungis, o maior de Europa
O ministro Luis Planas reúnese o venres coas principais organizacións agrarias de España
Agricultores portugueses súmanse ás protestas con cortes de estradas e fronteiras, algunhas de conexión con Galicia
As medidas anunciadas ata agora non convencen os agricultores franceses. As últimas: 230 millóns en axudas e a promesa de que Macron bloqueará a sinatura do acordo entre a Unión Europea e o Mercosur.
"Nada de promesas, conceptos ou palabras bonitas, queremos que pasen cousas, e rápido", din os manifestantes. Por iso, manteñen uns cen puntos de bloqueo en que participan dez mil agricultores.
Oito autovías de acceso a París están pechadas, cercan tamén grandes cidades como Lión, ou atrancan a fronteira con Bélxica.
Os tractores tamén conseguiron sortear os xendarmes e chegar ás portas do maior mercado de produto fresco de Europa, o mercado de Rungis, do que se alimentan uns 18 millóns de franceses. É un dos puntos estratéxicos do país, e o Goberno di que non permitirá o seu bloqueo. 15 manifestantes foron detidos esta mañá.
As protestas repítense noutros países europeos, como Grecia, Italia ou Bélxica. Na súa capital, en Bruxelas, está convocada para mañá unha gran tractorada coincidindo co cumio de presidentes europeos. Nela participarán agricultores e gandeiros españois, que tamén anunciaron o seu propio calendario de mobilizacións. O ministro do ramo, Luis Planas, vai reunirse coas principais organizacións do sector este venres.
Os agricultores portugueses tamén se suman ás mobilizacións. Quéixanse polo repartimento das axudas da política agraria común. Dende as dúas da madrugada cortarán as estradas e tamén as fronteiras, entre elas a fronteira con Galicia.
Dende esta mañá, os corpos de seguridade vixían o estado das estradas. Dende o luns os agricultores lusos viñan anunciando protestas e concentracións a causa dos seus baixos niveis de ingresos e as escasas axudas comunitarias recibidas, das que culpan directamente a xestión do Ministerio de Agricultura luso.
Din que están sometidos a unha ditadura da grande distribución, literalmente, e hoxe mesmo confirmaron que dende a madrugada do xoves as protestas intensificaranse nas fronteiras.
Prevén actuar en todas as da rexión de Tras-os-Montes, limítrofe coa provincia de Ourense, e tamén organizan accións na fronteira de Valença, no río Miño.
Reclaman ao Goberno portugués que interveña o mercado e elimine a competencia desleal, que os ten en situación límite, din.