Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os axentes sociais alertan dos prexuízos da marcha de Ence da ría de Pontevedra

Os axentes sociais alertan dos prexuízos da marcha de Ence da ría de Pontevedra

O presidente da patronal pontevedresa advirte de que a non continuidade da pasteira escorrentará investimentos

O secretario xeral da CIG culpa a Ence e os políticos de non teren buscado unha localización acaída para a factoría 

G24.gal 04/02/2023 11:12 Última actualización 04/02/2023 12:23

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, e o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, coinciden en alertar das posibles consecuencias negativas ante unha eventual marcha de Ence da ría de Pontevedra. 

Nas vésperas de que o Tribunal Supremo se pronuncie sobre a permanencia da pasteira na ría, os axentes sociais ofrecen a súa visión en senllas entrevistas no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega. 

Por unha banda, o presidente da patronal pontevedresa agarda que o Tribunal Supremo se pronuncie a favor da continuidade da planta de Ence en Lourizán a vindeira semana.

Jorge Cebreiros advertiu das consecuencias negativas dun ditame desfavorable. Considera que suporía "un dano reputacional moi duro e que crearía inseguridade xurídica" e alerta da posible fuga de investimentos. 

"Se non hai continuidade,  todas as iniciativas empresariais marcharán e escorrentaranse posibles investimentos".

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra lembrou que Ence dá emprego a cincocentas persoas de forma directa e a cinco mil de forma indirecta e sinalou que a pasteira respectou todos os condicionantes ambientais e de sostibilidade.

Doutra banda, o secretario  xeral da CIG, Paulo Carril, apuntou  sobre esta cuestión que a decisión xudicial "pode ser fatal". Afirmou que Ence se obstinou en continuar na ría de Pontevedra e reparte as culpas entre a empresa e os políticos de que se chegara a esta situación na que non haxa alternativa fóra de Pontevedra.

"Tanto a empresa coma os políticos son responsables por non saber buscar a localización adecuada".

Suba salario mínimo

A suba do salario mínimo acordada entre o Goberno e os sindicatos tamén foi obxecto de análise. O presidente dos empresarios de Pontevedra lamentou que o Goberno decidira subir un 8 % o salario mínimo interprofesional sen consultárllelo.

"Non cuestionamos o incremento do salario mínimo pero si as formas" e engadiu que con esta suba rompen convenios que xa teñen firmados. Sinalou que a un pequeno autónomo, con dous ou tres empregados, a suba do SMI suporalle un desembolso adicional de 1.500 euros ao ano.

Interpelado sobre esta mesma cuestión, o secretario xeral da CIG, pediu que se cumpra a Carta Social Europea que establece que o SIM debe ser o 60 % do salario medio.

"Nestes momentos o SMI debería ser de 1.212,90 euros", sinalou Paulo Carril, quen reclamou que se garanta o poder adquisitivo dos salarios e das pensións. "As familias están tirando dos aforros", engadiu, e pediu que non se deixe ninguén atrás.

Hipotecas

Na entrevista da Radio Galega, o secretario xeral  da CIG pediu que ante a suba dos xuros o Goberno conxele as hipotecas para evitar a creba de moitas familias.

"Se hai conxelación  da suba do prezo dos alugueiros, tamén a ten que haber das hipotecas ata 2024", asegurou.

Paulo Carril engadiu que as medidas adoptadas polo Goberno son "insuficientes" xa que quedan, dixo, "ao capricho das entidades". Ten que haber, explicou, "medidas de intervención pública".

En relación a esta cuestión, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, admitiu que a suba das hipotecas supón un problema para as familias e tamén para as empresas.

"Algo hai que facer pero poñer impostos especiais á banca ou ás eléctricas non vai ser o que resolva a situación", espetou. 

"A solución non é fácil", recoñeceu, porque estamos sometidos á economía europea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade