Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas reforzará aranceis en abril para recortar nun 15% as importacións de aceiro

Bruxelas reforzará aranceis en abril para recortar nun 15% as importacións de aceiro

Teme que os aranceis de Trump e a competencia desleal da China reconduza a sobreprodución cara a Europa

G24.gal 19/03/2025 16:16

A Comisión Europea reforzará o sistema de continxentes e cotas que aplica ao aceiro a partir do 1 de abril co obxectivo de reducir ata nun 15% as importacións no mercado común.

Esta é unha das primeiras medidas do plan de acción para a siderurxia que presenta Bruxelas para facer fronte ás vulnerabilidades do sector, lastrado polos novos aranceis de ata o 25% anunciados por Estados Unidos e a competencia desleal de rivais como A China.

"Debemos protexer as nosas acerías fronte á competencia desleal estranxeira, veña de onde veña", avisou o vicepresidente comunitario para a Prosperidade e a Estratexia Industrial, o liberal francés Stéphane Séjourné, nunha conferencia de prensa en Bruxelas en que defendeu que Europa debe ser "un xogador e non simplemente o terreo de xogo" para empresas e produtores de países terceiros.

Así, a primeira medida "inmediata" será "reforzar a partir do 1 de abril" a chamada cláusula de salvagarda, que xa prevé continxentes arancelarios polos que se grava o aceiro que entra na Unión Europea por encima das cotas establecidas.

Este axuste terá especialmente en conta as categorías onde a "presión é máis aguda", precisan os servizos comunitarios, por combinar un significativo aumento das importacións e unha caída da demanda.

Tamén se pon en marcha unha revisión a medio prazo porque esta cláusula deixará de estar en vigor en xuño de 2026, pero Bruxelas avisa xa de que "non é razoable asumir" que os problemas estruturais de exceso de capacidade global e o seu impacto negativo no mercado se corrixisen.

Na súa proposta, de feito, o Executivo comunitario avisa de que as medidas que están a adoptar países terceiros para limitar as importacións aos seus propios mercados, como os aranceis de Trump a todo o aceiro e aluminio estranxeiro, converterán o mercado europeo no principal receptor desa sobreprodución.

Séjourné marcou "o terceiro trimestre" deste ano como prazo para presentar a reforma necesaria para que unha nova medida de salvagarda permanente substitúa a cláusula en vigor antes de que esta deixe de ter validez.

A proposta terá en conta os cambios na demanda europea e outros parámetros como a seguridade, aínda que os servizos comunitarios aseguran que se preservará o "aperturismo" do mercado da UE.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade