Biomasa para calefactar vivendas en Monterrei
A aldea modelo de Infesta pon en marcha unha comunidade enerxética térmica que permite obter auga quente para as calefaccións aproveitando os restos forestais
Os veciños serán os que ser encarguen do mantemento e a xestión
A aldea de Infesta, no concello ourensán de Monterrei, conta cunhas 1.300 hectáreas de monte comunal, a maior parte con piñeiros. Para aproveitar os restos forestais decidiron pór en marcha unha comunidade enerxética térmica.
Vai ter unha caldeira común alimentada con biomasa procedente dos residuos forestais do monte, comenta o técnico municipal encargado do proxecto, Rafael Castro, e isto vai xerar auga quente, que, a través dun sistema de tubaxes, vai alimentar a calefacción de 33 vivendas.
Parte destas casas non contan actualmente con sistema de calefacción, como destaca Víctor Padrón, presidente da Comunidade de Montes de Infesta e da Comunidade Térmica, polo que este cambio axudará a que os veciños permanezan no rural
O aforro para aqueles que contan con calefacción de gasóleo será como mínimo dun 40 por cento. O mantemento das instalacións e xestión corre a cargo dos membros da comunidade, que pagarán en función do gasto. As vivendas de Infesta poderán quentarse con este sistema en 2026.
Trátase dun proxecto tranfronteirizo, financiado con fondos europeos, que se desenvolve tamén noutra aldea modelo de Cerdedo-Cotobade e en dúas localidades portuguesas.