Os bombeiros comarcais levan a súa protesta ás rúas de Santiago

Reclámanlle á Xunta e ás deputacións provinciais máis medios técnicos e recursos humanos para poder realizar o seu traballo

G24.gal 17/11/2023 14:44 Última actualización 17/11/2023 16:16

Bombeiros comarcais de toda Galicia percorreron este mediodía as rúas de Santiago para reclamar melloras laborais. Contaron desta volta co apoio de compañeiros de Asturias, Euskadi, Valencia, Castela e León, Granada e Madrid.

A protesta arrincou en San Caetano e rematou na praza do Obradoiro, onde escenificaron a queima dun traballador por parte de dúas persoas con máscaras coas caras do presidente da Xunta e do director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva.

Levan desde o 15 de xuño en folga, sen facer horas extras, para evidenciar a falta de persoal, o que provocou multitude de peches de parques por toda Galicia varios días nos últimos meses.

Reclaman un convenio colectivo a nivel autonómico, maior dotación de medios técnicos e de recursos humanos, así como emprego fixo de acordo con a doutrina do Tribunal Supremo de xaneiro de 2022.

José Luis Pareja, membro do comité de folga, reiterou que os bombeiros comarcais unicamente buscan “dignificar a nosa profesión” e que as administracións atendan “as necesidades básicas” que requiren e que pasan por melloras nas súas condicións laborais así como, maior dotación de medios técnicos e de recursos humanos.

Tras esta nova manifestación, o próximo día 20 haberá unha asemblea de traballadores na capital de Galicia e, advirten, que nela valorarase a posibilidade de aumentar a presión sindical se as administracións -autonómica e provinciais- non atenden as súas reivindicacións e retoman o diálogo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade