Arrestan outros tres implicados no atentado nunha sala de concertos en Moscova
Arrestan outros tres implicados no atentado nunha sala de concertos en Moscova
Os detidos polo atentando de Moscova entran en prisión acusados de terrorismo e con sinais de tortura
Rusia ignora a reivindicación do Estado Islámico e insiste en vincular a Ucraína co ataque na sala de concertos
Macron revela que o grupo que asumiu o masacre tamén apuntou a Francia
O Tribunal Basmanni de Moscova decretou este luns prisión preventiva de dous meses para outros tres implicados no atentado cometido o venres nos arredores de Moscova, que deixou polo menos 137 mortos, informaron medios rusos.
O arresto dos sospeitosos fora solicitado horas antes polo Comité de Instrución Ruso, un dos órganos que investigan a traxedia na sala de concertos Crocus City Hall.
Os arrestados son Aminchon Islómov, Dilovar Islómov e Isroil Islómov. Son un pai e os seus dous fillos.
Segundo o portal Mediazona, Dilovar foi propietario ata hai poucos días do automóbil no que os atacantes se deron á fuga, un Renault branco.
O home, de 24 anos e orixe tayiko, ten cidadanía rusa e traballaba como taxista na cidade de Tver, preto de Moscova.
Durante a vista xudicial, Dilovar rexeitou os cargos que se lle imputan e asegurou que é inocente. "Entregámonos nós mesmos cando recoñecemos o coche (nas imaxes desde o lugar do atentado), dixo.
A véspera, o mesmo tribunal enviou a prisión preventiva por período de dous meses a catro cidadáns tayikos.
Os catro sospeitosos compareceron ante un tribunal moscovita con evidentes signos de violencia, como unha orella amputada, contusións e rastros de sangue. Foron enviados a prisión preventiva imputados por terrorismo e afrontan cadea perpetua.
Tres deles declaráronse culpables do ataque do Crocus City Hall.
O último en comparecer, en cadeira de rodas e acompañado dun médico, apenas puido declarar. Ante os indicios de abusos e torturas aos detidos, o voceiro do Kremlin non quixo facer declaracións e agradeceu o labor dos axentes que detiveron os sospeitosos.
O atentado do venres supón unha fenda na seguridade rusa, que desoíu as advertencias da intelixencia estadounidense sobre a posibilidade dun ataque inminente.
Putin convocou os servizos de intelixencia e de emerxencia para tomar medidas, mentres o temor a novas accións terroristas se estende polo país: este luns, un milleiro de pacientes foron evacuados dun hospital moscovita tras unha ameaza de bomba.
Rusia segue conmocionada polo maior atentado das últimas dúas décadas. A lista de vítimas do ataque na sala de concertos da periferia de Moscova suma 137 falecidos, entre eles tres nenos, e 180 feridos.
Vladimir Putin, que aínda non visitou o escenario do masacre, insiste en sinalar a Ucraína como instigadora do atentado, malia que foi reivindicado polo Estado Islámico do Jorasán.
Esta organización, que naceu hai dez anos en Afganistán, é unha franquía do grupo xihadista en Asia central, e sinala a Rusia como cómplice da opresión aos musulmáns.