Os científicos do CITIC defenden a solvencia da candidatura da Coruña para acoller a AESIA
Os científicos do CITIC defenden a solvencia da candidatura da Coruña para acoller a AESIA
A opción galega refórzana multinacionais como Inditex e outras empresas que xeran na área máis de 57.000 empregos relacionados con tecnoloxía dixital
No Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación, o CITIC, traballan máis de 200 científicos e investigadores. A maioría son enxeñeiros informáticos, pero tamén matemáticos ou físicos, que desenvolven proxectos de Big Data, intelixencia artificial e redes; tanto proxectos de investigación básica como proxectos de investigación aplicada ao mundo da empresa.
Son a punta de lanza en Galicia da revolución tecnolóxica. Teñen o selo de excelencia que os sitúa na vangarda da investigación e usan unha perspectiva ética e inclusiva.
"Isto non é só unha revolución tecnolóxica, isto cambia todo, a xeopolítica, o panorama do emprego, precisamos cambiar a educación...".
Amparo Alonso, catedrática de Intelixencia Artidfical da UDC e membro do Comité Ético da IA en España, avoga por unha regulación para que o futuro a onde nos conduce esta revolución sexa inclusivo, sostible e solidario.
"Somos un centro público e entendemos que todo o que facemos aquí debe repercutir na sociedade. Temos moitos investigadores traballando en entornos clínicos, tamén na parte de enerxías, e somos vangarda no que se coñece agora como algoritmos verdes...", engade o director do CITIC, Manuel G. Penedo.
Tamén, hai proxectos de apoio ao sistema de emerxencias, á industria naval, ás persoas con necesidades especiais, etc.
Os científicos do CITIC transfiren coñecemento a un entramado empresarial con máis de 57.000 empregos tecnolóxicos, que se prevé multiplicar ao ser A Coruña sede da Axencia Estatal de Sistema Intelixencia Artificial, a AESIA.
"Temos star-ups moi relevantes que traballan en proxectos de IA desde hai tempo e e somos a sede doutras empresas que son tractoras. INDITEX ou Coren son empresas tractoras de tecnoloxía á comunidade", dixo Amparo Alonso, catedrática de Intelixencia Artifical da UDC.
O traballo do CITIC en Internet das cousas, visión artificial, redes ou procesamento da linguaxe é á vez causa e efecto dunha das facultades con máis tradición e máis vangarda en estudos de informática. Desde a Coruña encargáronse da análise estatal dos datos na pandemia, e agora acaban de ser seleccionados polo INE para mellorar as estatísticas oficiais con ferramentas da intelixencia artificial.
"Temos grupos moi bos en IA, Machine Learning, bases de datos, computación de altas prestacións, en técnicas estatíticas e de inferencia non paramétrica, tamén en modelos numéricos. E iso dános moita potencia e moita utilidade como servizo público a unha sociedade", explica Ricardo Cao Investigador do CITIC, catedrático de Estatística e Investigación Operativa.