Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os CoCos van tardar en volver ser atractivos, por María Cadaval

Os CoCos van tardar en volver ser atractivos, por María Cadaval

Quen mercou os bonos continxentes convertibles en accións ou CoCos do Credit Suisse perderá todo o seu investimento, mais de 16.000 millóns

G24.gal 24/03/2023 07:43

As turbulencias financeiras aínda non remataron. Tras a noticia da absorción de Credit Suisse por parte de UBS, sóubose que, a pesar do colchón de liquidez que ofreceu o Banco Nacional de Suíza, o sector público non asumirá as perdas dos titulares dos CoCos.

Aquelas persoas que mercaron os bonos continxentes convertibles en accións ou CoCos perderán todo o seu investimento, que ascende a mais de 16.000 millóns de euros no caso do banco suízo.

Isto supón a quebra do principio establecido polo mercado de que en caso de resolución bancaria son os titulares das accións os primeiros en perderen os seus cartos e só despois os posuidores dos bonos continxentes convertibles en accións, como aínda sucede na Eurozona e como acaba de recordar o BCE que seguirá sendo. 

Que é un CoCo?

É un produto financeiro híbrido, que mestura débeda (pola que se pagan xuros á persoa que os merca) con capital (ten capacidade de absorber perdas no caso de que se produzan). Estes instrumentos son perpetuos -é dicir, non teñen un vencemento determinado- e o  emisor resérvase o dereito de rescatalo, xeralmente pasados cinco anos.

A súa principal característica é que poden chegar a converterse en accións se a ratio de capital CET1 descende por debaixo dun determinado nivel. E isto foi o que lle pasou aos titulares dos CoCos do Credit Suisse, polo que van perder todo o que tiñan adquirido neste produto. 

Esta situación inxecta desconfianza no mercado e unha parada para todas aquelas entidades que teñan que financiarse agora a través deste sistema, pois dificilmente van poder colocalos no mercado e, si o logran, farano a un alto prezo.

En España os bancos emitiron unha gran cantidade de CoCos a principios de ano, aproveitando o momento de tipos de xuro acaídos e practicamente teñen cuberta a emisión que precisan para cumprir cos requisitos regulatorios neste 2023. 

As entidades financeiras teñen a obriga de facer reserva de débeda con capacidade para absorber perdas e neste eido os CoCos xogan un papel importante e contribúen a aumentar os niveis de solvencia. Baixo determinadas condicións, a mais común é que a ratio CET1 (Common Equity Tier 1) baixe dun nivel determinado, estas emisión poden converterse en accións.
 
Neste momento vai ser difícil que a banca coloque de xeito masivo, como o fixo a primeiros de ano, este tipo de produto non só polo seu custe senón sobre todo pola desconfianza que xeran tras a caída de Credit Suisse. A recuperación do seu mercado non será a curto prazo e algún inversores institucionais sairán por un longo período de tempo. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade