Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os comuneiros rexistran máis de 4.000 alegacións contra o proxecto do Celta en Mos

Os comuneiros rexistran máis de 4.000 alegacións contra o proxecto do Celta en Mos

César Lago, presidente da Comunidade de Montes, explicou que as alegacións están baseadas na “reclasificación” do terreo, porque no (PXOM) está cualificado como “rústico forestal”

Ecoloxistas en Acción e a Comunidade de Montes falan de "pelotazo urbanístico"

G24.gal 04/09/2023 12:55 Última actualización 04/09/2023 13:02

Representantes da Comunidade de Montes de Tameiga e Ecoloxistas en Acción rexistraron este luns, na delegación da Xunta en Vigo, máis de 4.000 alegacións individuais contra a declaración de interese autonómico do proxecto Galicia Sport 360 que o Celta pretende construír no concello de Mos.

César Lago, presidente da Comunidade de Montes, explicou que as alegacións están baseadas principalmente na “reclasificación” do terreo, porque no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) está cualificado como “rústico forestal”. Ademais, denunciou que “o pelotazo urbanístico” que pretende dar o presidente e máximo accionista do Celta Carlos Mouriño nos terreos comunais tamén terá unha incidencia negativa sobre “a riqueza paisaxística e ecolóxica”.

Neste sentido, lembrou que o xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra cualificou de “ilegal” a licenza da nova cidade deportiva do Celta. Por iso pediulle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do goberno autonómico que explique por que declarou de interese autonómico “o pelotazo” da familia Mouriño.

“Nós o que facemos é ir ao xulgado, e de momento a xustiza está a darnos a razón. Por iso non entendemos por que se segue con este proxecto adiante”, criticou Lago, para quen a Xunta pretende “saltar” as sentenzas xudiciais.

O representante dos comuneiros tamén aclarou que o contacto co Celta é “inexistente” e deixou claro que non cambiarán de posición porque contan co apoio “maioritario” dos veciños.

“Na asemblea votouse que o monte non se vende, e iso é o que imos levar a cabo a directiva que estamos agora mesmo. Os que falan son os comuneiros, e o monte non se vai vender”, insistiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade