Os Reis Magos chegan a todas as cidades e aldeas de Galicia para repartir agasallos
Os Reis Magos chegan a todas as cidades e aldeas de Galicia para repartir agasallos
Esta noite visitarán todas as casas para deixar as súas sorpresas
Ducias de cabalgatas levaron a maxia do Nadal a todas as cidades, vilas e aldeas da nosa comunidade. Os Reis Magos chegaron a Ourense nunn tren de alta velocidade cargado de agasallos. Despois percorreron as rúas en dromedarios.
Vigo
En Vigo o alcalde Abel Caballero entregoulles as chaves da cidade para que poidan entrar en todas as casas. As súas maxestades de Oriente percorreron a cidade acompañados por once carrozas e por personaxes como Peter Pan, Dumbo ou Alicia no País das Marabillas.
Baltasar tiña Covid, pero solucionouno desfilando coa máscara posta.
Santiago de Compostela
A Santiago de Compostela, os Magos chegaron sorprendidos a un Obradoiro que nin se vía, de tan ateigado. Despois recibiron a todos os nenos no Concello.
Lugo
En Lugo, milleiros de lucenses aclamaron as súas Maxestades. A marcha compoñíana catro carrozas e unha ringleira de once espectáculos de música, danza e teatro relacionados coa viaxe que teñen que facer desde Oriente. Ademais dos agasallos, trouxeron dúas toneladas de caramelos.
Cousas da maxia, a cen quilómetros de alí, e máis ou menos á mesma hora, Melchor Gaspar e Baltasar tamén visitaron Viveiro, a onde chegaran en barco polo porto de Celeiro.
Acompañáronos seis carrozas e o Vivertren.
A cabalgata de Viveiro acabou pasadas as oito, como fai desde hai décadas, na praza Maior. Os reis dirixíronse aos nenos, pero aquí o clásico chamamento a portarse ben non é necesario porque en Viveiro os nenos toda vida se portaron ben.
A Coruña
E con moita saúde A Coruña volcouse tamén nas rúas para recibir os Reis e admirar o desfile de carrozas inspiradas en Picasso e na arte da infancia, cunha rea de seres imaxinarios.
Agardáronos nenas e nenos solidarios, futuros científicos, uns cariñosos e outros pillabáns. Para todos eles haberá milleiros de agasallos.
Pontevedra
No concello de Pontevedra un dragón abriu paso ás súas Maxestades de Oriente. A cabalgata estivo formada por seis carrozas e acompañárona personaxes de películas e deseños animados. Todos percorreron a cidade desde a avenida de Lugo ata a praza do Concello e a Alameda. Agora que coñecen todas as rúas, non terán problemas para deixar os agasallos en todas as casas.