Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os demócratas apoian a Biden, pero non despexan as dúbidas sobre a súa candidatura

Os demócratas apoian a Biden, pero non despexan as dúbidas sobre a súa candidatura

Os lexisladores do partido mantiveron unha reunión a porta pechada para determinar o apoio á candidatura para a reelección do presidente

Houbo diversidade de opinións, pero puxéronse de acordo para impedir que "Trump volva á Casa Branca"

O presidente dos EUA, Joe Biden, durante un acto de campaña (REUTERS/Nathan Howard) O presidente dos EUA, Joe Biden, durante un acto de campaña (REUTERS/Nathan Howard)
G24.gal 09/07/2024 19:32

Os lexisladores do Partido Demócrata mantiveron este martes unha reunión a porta pechada co fin de determinar o apoio á candidatura para a reelección do presidente estadounidense, Joe Biden, algo que provocou fisuras no seo da formación.

O encontro na sede do Comité Nacional Demócrata tivo lugar despois de que unha decena de congresistas dese bando pedisen ao mandatario que abandone a contenda, cuestionando a súa capacidade para seguir á fronte debido aos seus 81 anos e á súa débil intervención no debate fronte ao republicano Donald Trump o pasado 27 de xuño.

"Houbo diversidade de opinións, pero todos estamos unidos no feito de que non podemos permitir que Trump volva á Casa Branca", dixo á saída da reunión o lexislador Hank Johnson, segundo quen os demócratas decidirán o camiño a tomar "nun futuro moi próximo" e "seguirán adiante".

Un día antes o propio Biden enviara unha carta aos congresistas demócratas para pedirlles poñer fin na disputa interna e centrarse en derrotar a Donald Trump.

O congresista Lou Correa, representante de California, apuntou en declaracións recollidas polo diario The Hill que no seu partido están "a abrir os ollos" sobre que as presidenciais de novembro serán complicadas. "Isto vai ser unha pelexa de cans".

Con todo, instou a pechar xa a controversia: "O candidato que os votantes elixiron é o candidato que temos. Son os votantes os que elixiron. Vaiamos adiante, fagamos unha boa campaña e gañemos en novembro".

O encontro conseguiu que algúns que expresaran en público as súas dúbidas sobre Biden corrixisen a súa postura. Foi o caso do congresista Jerry Nadler de Nova York: a fin de semana instara a que se fose este martes, segundo The Hill, afirmou á prensa que Biden é o nominado e hai que apoialo como tal.

Outro de quen fixera saber que preferían un novo aspirante, Seth Moulton, de Massachusetts, viu positivo que teña lugar esta discusión: "Este é exactamente o tipo de debate que deberiamos ter como partido. Disto trata a democracia".

De momento, segundo as enquisas, Trump mantense á cabeza: acapara o 42,1% das intencións de voto, 2,1 puntos sobre Biden, segundo a media de sondaxes efectuada pola web FiveThirtyEight.

O propio Biden expresou o luns a súa fartura polas dúbidas arredor da súa candidatura.

"Síntome frustrado polas elites do partido. (...) Calquera destes tipos que crea que non debería postularme, que compita contra min. Que se postule para presidente, que me desafíe na convención" de agosto en Chicago, dixo no programa 'Morning Joe' da cadea MSNBC.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos