Os economistas de FEDEA presentan unha visión menos optimista sobre a reforma das pensións, por María Loureiro
Os economistas de FEDEA presentan unha visión menos optimista sobre a reforma das pensións, por María Loureiro
Os economistas de FEDEA presentan unha visión menos optimista sobre a reforma das pensións, por María Loureiro
Os economistas de Fundación de Estudios de Economía Aplicada (FEDEA) refutaron nun último informe que poden consultar na web da devandita Fundación as conclusións do Ministerio de Seguridade Social nun traballo que avalía a sostibilidade da última reforma de pensións. Segundo este grupo de académicos, o informe debuxa un panorama demasiado optimista sobre as perspectivas financeiras do noso sistema público de pensións tras a reforma. Mentres o ministerio defende que o efecto das súas medidas é practicamente nulo sobre o saldo orzamentario, os economistas de FEDEA sosteñen que se está infravalorando o impacto.
Algún dos supostos máis comentados é a previsión económica tan positiva de como vai evolucionar a economía española ata 2050. Para que nos fagamos unha idea, o Ministerio asume en primeiro lugar que o PIB nominal vai manter un crecemento medio por encima do 3 % ao longo das próximas décadas. En concreto, a Seguridade Social prevé un incremento do PIB nominal do 4,9 % entre 2023 e 2030, do 4,1 % entre 2031 e 2040, do 3,5 % entre 2041 e 2060 e do 3,6 % entre 2061 e 2070. Se se atende só ao PIB real, espera que creza un 2 % anual de aquí a 2050, é dicir, por encima do 1,4 % que veu crecendo cada ano durante os últimos 20 e tamén por encima da estimación (do 1,13 %) da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF).
Tamén espera que a taxa de paro baixe do 11,6 % actual ata o 5,5 % no período entre 2050 e 2060, seguindo a seguinte senda descendente por décadas: debería baixar ao 8,7 % a próxima e ao 6 % a seguinte, para chegar ao citado 5,5 %. Estas perspectivas superan as do informe de prospectiva España 2050, presentado en 2021, proxectaba unha taxa de paro do 7 % dentro de 27 anos. Así mesmo, o informe recolle un incremento da produtividade que alcanzaría o 1,6 % xa entre 2041 e 2050, fronte ao 0,6 % que creceu durante as últimas dúas décadas. O cadro espera que esa produtividade aumente xa un 1,2 % entre este ano e 2030, sobre todo grazas aos fondos europeos, segundo asegura o ministerio no documento. Ademais tamén se presentan unhas proxeccións de poboación moito máis positivas ca as do Eurostat para España que serán publicadas no Aging Report do 2024. Isto implica que se contabiliza máis poboación en idade fértil e produtiva laboralmente, por encima da que probablemente exista.
FEDEA advirte de que España terá que adoptar novas medidas de axuste do gasto para soster as pensións públicas, ou proceder a un incremento extra de cotizacións desde 2025. Na actualidade, xa se gasta o 13,2 % do PIB en pensións, e o custo monetario anda ao redor dos 12.000 millóns de euros, que previsiblemente aumentará algo máis do 4 % no 2024. Os economistas predín que o gasto en pensión aumentará de xeito significativo nos vindeiros anos, ata superar a liña vermella marcada por Bruxelas do 15 %, o cal fará tomar medidas máis cedo que tarde sobre as cotizacións.
Os economistas tamén suxiren outras posibles solucións para apoiar a sustentabilidade do sistema, por exemplo, a xubilación progresiva, e non a unha determinada idade exacta, facendo isto en relación á saúde e o emprego que se leve a cabo. Os mesmos economistas advirten que sería tamén relevante ir pensando en que se tome como referencia para o cómputo da pensión as ganancias de toda a vida laboral e non as dos dez últimos anos ou dun período concreto. En fin, estas e outras ideas para facer o futuro das pensións sostible.