Os empresarios ven "inadmisible" o novo aprazamento do comisionado do Corredor Atlántico
Os empresarios ven "inadmisible" o novo aprazamento do comisionado do Corredor Atlántico
José Antonio Sebastián Ruiz argumentou que cambiaba a cita para non interferir coa campaña electoral
A Xunta considera un "insulto" a nova anulación da xuntanza
O comisionado para o Corredor Atlántico desconvocou a reunión prevista para este martes coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Tanto a patronal como a Xunta consideran decepcionante a actitude e a xestión do funcionario do Goberno, xa que é a cuarta vez que anula a xuntanza desde que fora nomeado en xaneiro.
Esta reunión de hoxe, que ía ser a porta pechada coa directiva da patronal galega en Santiago, sinalouse despois de que se desconvocara a do pasado día 5. O certo é que xa van catro veces que José Antonio Sebastián Ruíz decide adiar as xuntanzas previstas cos empresarios.
Nesta ocasión argumenta que cambia a cita para non interferir coa campaña electoral. Un argumento que cualifican de escusa tanto dende o empresariado como dende o Goberno galego, que demanda explicacións ao comisionado sobre a súa xestión para avanzar no corredor do noroeste.
Ante a cancelación, o presidente da CEG Juan Manuel Vieites dixo: “O feito de que en España vivamos practicamente todos os anos procesos electorais non pode condicionar a acción de goberno e moito menos o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de país. Hai que inspirar un marco estable e seguro ás empresas e aos traballadores”.
“Debemos sinalar que José Antonio Sebastián si se reuniu con outras organizacións en diversas rexións e si acudiu a outras citas”, denunciou Vieites, quen asegurou que "non é admisible" que o encontro cos empresarios galegos se pospoña "de maneira sistemática".
Pola súa parte, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade Ethel Vázquez, durante unha visita á depuradora de Baiona, cualificouno como "unha falta de respecto, un insulto, expor a anulación desta reunión cunha desculpa desde logo peregrina, facendo alusión a un acto de partido, cando estamos a falar dunha persoa que ten unha función exclusiva para potenciar, impulsar o Corredor Atlántico e que cobra un soldo público para avanzar no Corredor Atlántico".
Empresarios e Xunta demandan información sobre os proxectos, e o seu financiamento, que o comisionado pensa presentar para fortalecer o treito noroeste do Corredor Atlántico. Hai fixada unha nova reunión para o día 28 de xullo, despois das eleccións, ao que si poden acudir a Xunta e o resto de entidades implicadas.