Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os Estados Unidos aseguran que Israel aceptou a proposta de acordo sobre Gaza

Os Estados Unidos aseguran que Israel aceptou a proposta de acordo sobre Gaza

Hamas criticou a última proposta cando lla transmitiron os mediadores ao considerar que se adapta ás esixencias de Israel

G24.gal 19/08/2024 20:41

O secretario de Estado dos Estados Unidos, Antony Blinken, anunciou este luns en Tel Aviv que o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, aceptou a última proposta de acordo para un cesamento do fogo na Franxa de Gaza e instou a Hamas a facer o mesmo.

Blinken afirmou que mantivo unha "reunión moi construtiva" con Netanyahu, quen lle confirmou que "Israel acepta a proposta de transición" exposta por Estados Unidos a semana pasada nas negociacións en Doha.

O secretario de Estado, quen chegou a véspera a Israel para impulsar os esforzos da diplomacia internacional para selar un pacto, mantivo reunións co presidente israelí, Isaac Herzog, o ministro de Defensa, Yoav Gallant, e con Netanyahu, aos que insistiu en que esta é probablemente a última oportunidade para pechar un acordo despois de meses de intentos errados.

"O seguinte paso é que Hamas diga que si", advertiu Blinken, aínda que o grupo islamita, que non asistiu á última rolda de negociacións en Doha, criticou a última proposta cando lla transmitiron os mediadores ao considerar que se adapta ás esixencias de Israel.

Os EUA xa presentaron varios borradores de acordo en xuño e en xullo, que Hamas aceptou a priori e acusou a Netanyahu de poñer novas condicións, como o control israelí dos corredores Filadelfia -fronteira entre a Franxa e Exipto utilizada durante anos polos islamitas para o contrabando de armas- e Netzarin, unha ruta militar creado por Israel na guerra que parte o enclave en dous pola metade.

Nas últimas semanas, a comunidade internacional liderada polos EUA meteu presión para lograr un acordo na Franxa de Gaza tras máis de dez meses de guerra, que servise tamén para neutralizar a ameaza de Irán de atacar Israel tras o asasinato do líder de Hamas, Ismail Haniyeh, en Teherán o pasado 31 de xullo e evitar así unha escalada rexional.

Un día antes, Israel tamén matou o máximo xefe militar de Hizbulá, Fuad Shukr, nun bombardeo en Beirut, polo que o grupo xiíta, aliado de Irán, xurou vinganza e intensificou os seus ataques.

"As partes terán que unirse para completar o proceso de alcanzar entendementos claros sobre como implementar os compromisos asumidos en virtude do acordo", afirmou Blinken.

Netanyahu comprometeuse con Blinken a enviar de novo ao equipo negociador a finais desta semana ao Cairo para continuar as conversacións, segundo os medios israelís, pero Hamas non se pronunciou respecto diso.

"Hai un profundo sentido de urxencia para logralo e os EUA están comprometidos a facelo agora", afirmou o xefe da diplomacia estadounidense sobre a posibilidade dun acordo.

Tras o seu encontro con Blinken, Netanyahu agradeceu aos EUA o seu investimento na defensa rexional contra "o eixe iraniano" e na seguridade de Israel, así como o seu apoio nas negociacións sobre a Franxa.

"Quero subliñar que se están facendo esforzos para liberar con vida ao máximo número de reféns, xa na primeira fase da transacción", indicou o primeiro ministro israelí. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade