Os estudantes da FP dual farán prácticas como técnicos de resonancia e TAC nos hospitais galegos
Os estudantes da FP dual farán prácticas como técnicos de resonancia e TAC nos hospitais galegos
O Centro Integrado de Formación Profesional de Montecelo, en Pontevedra, dá un novo paso na súa especialización na área de saúde
A Consellería de Educación e a de Sanidade asinaron esta mañá un convenio para que os alumnos fagan prácticas remuneradas nos hospitais públicos como técnicos de resonancia e de TAC.
"Imos centralo incialmente no ámbito da resonancia magnética ou da tomografía axial computerizada, o TAC, porque son dúas técnicas onde ese coñecemento específico é máis crítico, pero seguramente o estenderemos ao resto de técnicas", dixo Xulio García Comesaña, o conselleiro de Sanidade.
Técnicas que cobran cada vez máis importancia no ámbito do diagnóstico e que se estudan aquí.
É unha parte do contido do convenio que asinaron hoxe os conselleiros de Sanidade e de Educación e que achegará tamén a posibilidade de acreditación de competencias do persoal sanitario e de formación do profesorado.
"Un sistema de acreditación de competencias para os profesionais do Servizo Galego de Saúde e tamén algo que agradecemos moito é a formación do profesorado, que en gran medida se vai poder facer en colaboración cos profesionais do sistema sanitario", engadiu o titular de Educación, Román Rodríguez.
No centro de FP de Montecelo hai estudos de farmacia comunitaria e de anatomía patolóxica, e fórmanse técnicos superiores e de grao medio. "Dos 43.000 traballadores do Sergas, 6.000 deles incorporados nos últimos anos, unha parte importante deles son do ámbito dos técnicos superiores", subliñou o conselleiro de Sanidade.
Os titulares dos departamentos de Sanidade e Educación din que afondar neste tipo de colaboración favorece os traballadores pero tamén o sistema sanitario e educativo.